Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta a unha lectora (XI)

lunes, 12 de abril de 2021
Hai libros que nos chaman dende os escaparates.

Las mujeres que leen son peligrosas foi un deles. A xente acababa agasallándoo porque lle parecía que a ninguén lle podía resultar indiferente. A min sempre me pareceu que o título respondía a unha mentira. Estou convencida de que quen lle puxo nome buscou chamar a atención, pero tampouco o podía crer. O perigo está sempre do lado dos que non pensan nin recapacitan, dos que seguen consignas sen facer crítica nin autocrítica nunca, sexan mulleres ou homes. As mulleres que len, profundan –como dicía Castelao, e con elas pódese dialogar sobre todo o habido e por haber. As mulleres que len coñecen moitos mundos e de todos eles van extraendo algunha ensinanza coa que facilitar o entendemento. Nunca serán perigosas. Nunca. Só valentes. Dispostas a mellorar a realidade, a construír unha sociedade máis xusta, e iso nunca é perigoso.

Mentres escribo isto venme á cabeza unha situación: un centro de primaria, unha revista escolar na que participaban todas as aulas (da maneira que consideraran máis conveniente), unha profesora de infantil que viñera cubrir unha baixa ou algo así. Tentei convencela de que o seu alumnado tamén podía participar na revista, ante a súa negativa,que baseaba en que eran moi pequenos; ensineille as revistas anteriores nas que colaboraran, para demostrarlle que eran novos pero non incapaces. No límite da data de entrega trouxo o seu traballo, que me entregou mentres comiamos no comedor escolar; era o debuxo dunha pancarta contra o aborto; ese día comín tragando as bagullas,sen retirar a mirada do seu rostro satisfeito. Esas, as que non len, son as perigosas. As que non leron libros de pedagoxía máis alá da carreira, as que nunca reflexionaron sobre a súa práctica, as que non foron quen de ler nos libros de papel ou naqueles outros da realidade.

Hai outro libro, Las mulleres que escriben también son peligrosas, que volve a ter un título con mentira. Porque o perigo está cando alguén só conta coa violencia para expresarse, para mostrar a súa rabia ou o que sexa que precisa sacar para fóra. Colombia é un dos países máis violentos que coñezo. A súa xente fala suave, moi suave, as súas formas de expresión nunca son violentas, nunca berran, non se escoita unha palabra por riba doutra e, sempre pensei que se puideran gritarse algo máis igual evitaban pasar a maiores. É certo que hai refráns para iso, o que di que a palabra que se dixo xa queda fóra, e a que se escribe máis, como diante dun notario: dixéstela, escribístela e queda para sempre. Pero aí tamén, a xente que se dedica á política cambiou o paradigma: podes tirar de hemeroteca, podes mostrar o que dixeron ou escribiron onte que non se poñen colorados.

Por iso, tamén, hai que escribir. Escribindo expresas todo o que precisas, cando o precisas e as persoas que escriben non son perigosas... sempre que non o fagan manipulando.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES