Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Encontro reconstituínte

domingo, 11 de abril de 2021
Os textos dos evanxeos, coma hoxe no de Xoán, fálannos da alegría dos discípulos cando van facendo, individual e comunitariamente, a experiencia do Xesús resucitado. No de Xoán dísenos, por exemplo, que, ó veren o Señor, os discípulos se alegraron.

A nós, que vivimos bastantes séculos despois deles, pásanos algo semellante ó que lle aconteceu ó apóstolo Tomé. Desexariamos, como el tamén o desexaba, ter probas e experiencias directas e tanxíbeis de que Xesús seguía e segue a vivir trala súa morte na cruz.

Mais se os discípulos de Xesús creron porque -como se nos di- "viron", a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse, non na nosa visión", senón na nosa "fe". Trátase dunha fe que ten os seus alicerces no testemuño dos primeiros discípulos de Xesús. En calquera caso, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos experimentado esa "visión" -que si tiveron as primeiras testemuñas de Xesús- podemos en troques sentir en nós a ledicia das palabras que dalgunha maneira dirixe Xesús a cantos en tempos posteriores recibimos o anuncio da súa boa nova: "Benia os que creron sen veren!".

O episodio de hoxe relacionado co apóstolo Tomé aparece só no texto de Xoán. En realidade, dísenos incluso nese texto que houbo "moitos outros signos" realizados por Xesús, despois de resucitado, que non nos son referidos de maneira concreta. De modo que eses moitos signos que para un xornalista dos nosos días serían de enorme interese, semella que ó autor dese antigo texto non lle doe moito non contalos.

Os apóstolos e discípulos de Xesús saben ben que o importante e decisivo é o encontro con Xesús. Co Xesús de antes e de despois da resurrección. E para encontrármonos con el e adherírmonos a el abonda cun par de experiencias fondas e íntimas. Os evanxelistas non son xornalistas, senón transmisores dalgunhas desas experiencias que tiveron con el.

Por iso no texto de Xoán, co pensamento posto seguramente nas persoas que non participaron inmediata e directamente nesas experiencias, preséntasenos a escena de Tomé. Este lémbrame un pouco, aínda que sexa como digo só un pouco, a parábola conmovedora de Xesús sobre o fillo pródigo (ou, máis exactamente, a parábola sobre o "Pai bondadoso").

El fálanos nesa parábola da bondade a toda proba de Deus, do seu Pai e Pai noso tamén. Cando o seu fillo volve despois de seu pai moito esperalo, este apértao con agarimo sen lle rifar nin lle botar en cara a súa mala conduta. Dunha maneira semellante, é agora Xesús quen se comporta, no mesmo senso, amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera para crer nel: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodiño e directamente que el é verdadeiramente o Xesús co que convivira e non unha pantasma.

Os encontros con Deus están sempre cheos de paz, de ledicia, de perdón xeneroso e de xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán recrea no seu relato da aparición de Xesús no medio dos seus discípulos, cando eles estaban cheos de medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.

O primeiro saúdo de Xesús quere xa romper con medos, posíbeis acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo dos discípulos. "Paz convosco". Tamén no seu encontro posterior oito días despois, estando xa Tomé presente, repetirá el o mesmo saúdo: "Paz convosco". Xesús aporta sempre paz, consolo e moitos azos para vivir, pois el mesmo é a Vida e como tal vida ten el que se amosar. Dálles, ademais, o mellor agasallo que dar lles pode: o Espírito Santo. "Recibide o Espírito Santo". É dicir, o mesmo Espírito que moveu, consolou e guiou Xesús durante toda a súa vida.

Foi así como se foi formando a súa Igrexa ata nós, aínda que isto ocorrese a través de non poucas deficiencias históricas no seo da mesma Igrexa. Por iso certos xestos, actitudes ou palabras do papa Francisco non deixan de nos chamar hoxe en día tanto a atención. Por que? Pois porque quizais nos queren facer máis directamente presente o modo como se comportaba Xesús coa xente do seu tempo.

Que lle pasou a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa ante os seus compañeiros a outra completamente distinta na que se derruba ante o Xesús que lle permite que realice con el as probas que xulgue oportunas para crer na súa resurrección?

A resposta a tal cuestión coido que é importante porque nos afecta tamén a nós, que podemos atoparnos máis dunha vez en loita interna entre a nosa tradicional crenza na resurrección e as dúbidas que non deixarán de se nos presentar en relación con ela.

En calquera caso, penso que canto máis teñamos en conta a infinita grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será poder crer. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas, inimaxinábeis. Tanto en poder coma en bondade. Non é el unha cousa máis ou unha persoa máis coas que nos encontramos na vida, por moito que as estimemos ou apreciemos. El é absolutamente infinito en todo. De aquí provén o gran misterio das realidades feitas por el. A realidade da materia, da vida, do noso propio interior e de mil outras cousas máis que nos abraian. Marabilloso e misterioso é o nacer, o vivir, o morrer e, naturalmente, o resucitar.

Tomé fixo a experiencia de Xesús resucitado, e xunto con esa experiencia fixo tamén a de que el mesmo está tamén destinado a resucitar. Isto enche a súa alma de alegría, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que el tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen agora por terra como xoguetes de nenos ante a grandeza que se lle presenta directamente diante del: a dun Xesús poderoso e bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañabelmente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas case coma se non existira no mundo ningunha outra persoa máis ca el.

Por iso, Tomé non podía dicir máis que o que dixo: "Meu Señor e meu Deus!". Con isto fica dito todo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES