Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

263 mandas 263

viernes, 09 de abril de 2021
263 mandas 263 Nacer do anonimato para facer visible a quen queira homenaxear a Díaz Pardo; presentarse baixo un nome: "Alento esbravexo"; abrir un blog onde ir expondo, a modo de viaxe temporal e sucesivo, as creacións de cada unha das persoas participantes; e contalo.
Por que?

Porque a iniciativa serviu para o seu fin: lembrar o papel fundamental dun dos homes máis importantes da Galicia do século XX (pola súa obra, pola creación de industrias e comercios con selo propio, por poñer a columna que sostivese a identidade do país e ascreacións de moitos outros e outras, por montar infraestruturas e estruturas para a cultura, por comezar a recuperación da memoria histórica, por darnos pratos para comer e libros para alimentarnos... por tantas cousas!).

Ademais, a proposta serviu para demostrar que máis alá das institucións e asociacións, a sociedade civil pode traballar de un en un ou de sete en sete, botando a andar aquelas empresas que consideramos imprescindibles. Esta manda ou encargo é a demostración de que todo é posible, un empeño que xa se sentiría satisfeito publicando as mandas dende o primeiro día de aparición do blog ata o 20 de agosto (no que IDP estaría de aniversario) e non digamos ata o 31 de decembro do 2020 (ano no que el cumpriría un século) pero que chegou ata o 6 de abril coa primavera abrollando (despois de pasar polo verán, o outono e o inverno dunha pandemia que semellaba –semella– non ter fin). Foi posible, case nos supera e despídese cunha frase que o di todo:

– ¬POR TI, ISAAC, FARIÁMOLO DE NOVO.

Día a día o escritor e debuxante, Heitor Picallo, envolveu cada unha das pezas cun relato que tiña un aire ao papel de Sargadelos deseñado por Isaac. Un blog que ideara Martiño Picallo ao tempo que recollía a primeira gran engurrada de envíos. Envíos que se promovían dende os contactos destes e de Eva Liñeira, David Otero, Maka Arca, Ana de Vilatuxe e Pilar Sampedro.

Si, tentamos por todos os medios que se distribuíra a proposta, que a nova chegara a todo o mundo que quixera participar, nalgún caso incluso nos puxemos insistentes, noutros non quixemos intervir directamente porque nos daba pudor convidar a determinadas persoas ou entidades (que sempre tiveron o camiño aberto e eran sabedores/as de que a súa intervención sería moi agradecida).

Douscentos sesenta e tres días. Duascentas sesenta e tres entradas no blog. Duascentas sesenta e tres persoas que, de forma individual ou colectiva (en forma de asociación ou fundación, pares ou tríos, empresas...) puideran entregar o seu agasallo que podía ser unha lembranza, unha foto que o traía ao hoxe, a imaxe dunha das súas figuras que andaba pola casa, unha creación que se lle dedicaba porque dalgunha maneira o vinculaba... e apareceron os poemas e as prosas, os ensaios (loados sexan os nosos estudosos/as e pensadores/as que se esforzaron en traballalo), as esculturas, pinturas,vídeos, pezas musicais, artesanías, gravados, caricaturas, colaxes, arte corporal... de todo houbo ata murais, cadernos de campo, zocos e traballos do téxtil con bordados, cosidos, estampados ou xoiería con fíos.

Non se podería escoller entre os de aquí e os de fóra (que ata chegaron das antípodas como Xapón ou Nova Zelandia). Non se podería destacar un sobre outro, pero podemos sinalar algún público (por chamarlle dalgunha maneira) coma os dous escaparates que o mostraron (como fan coa mercadoría que queren vender, amosaron a Isaac e as súas cousas, como a imaxe da Galicia que somos: gloria a Acivro xoias e libraría Couceiro!) e as tapas que no agosto do aniversario puxeron restauradores das Hortas e Galeras para que a veciñanza soubera que el estivera aí.

Só queda agradecer a quen participou, a quen entrou a ver e ler cada unha das mandas, a quen colaborou dándolle difusión e unhas, moi especiais, a Yolanda Carbajales que no medio da dor multiplicou un ex libris cedéndolle unha parte ao Alento esbravexo para que fixese xustiza cos máis fieis colaboradores e defensores do Isaac. Tocounos, pois, continuar a facer un papel que igual correspondía a outros estamentos pero que seguimos a asumir como sociedade civil activa e comprometida.

Niso estamos, e mentres tanto... cumprida a faena, pechamos os ollos uns instantes (tal e como se pode ver n’Unha manda de pezas para Isaac / https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/ ) ata que sexamos convocados, de novo.

Na imaxe, retrato de Isaac ao fio, por Ana de Vilatuxe, sobre un debuxo de Siro.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES