Xornalistas en prácticas
Xiz, Xulio - viernes, 13 de junio de 2008
En tempos, o xornalista nacía, non se facía. E accedimos á profesión por gusto, por vocación, como meritorios, correturnos, aprendices de todo.
Ata que empezaron a chegar os licenciados, que nos obrigaron a poñernos ó día. A algúns, mesmo a licenciarnos.
E a profesión medrou, dignificouse, estabilizouse. Pervivindo as clases antigas coas modernas, ocupándose a natureza sempre sabia de ir facendo correr o escalafón.
Naqueles tempos primeiros, os primeiros licenciados -poñamos que falo dos setenta- accedían ós medios ó final da carreira teórica, por méritos ou recomendación, case por oposición, porque moitas veces facer as prácticas nun medio equivalía a dar o primeiro paso para entrar na redacción.
Como todo cambia, e as facultades proporcionan centos de novos licenciados cada curso, coidaba eu que os medios terían que estar dando continuos raquetazos apartando os moscóns que pretenden entrar a facer prácticas a centos. Pois non é así, e os medios máis tradicionais, a prensa escrita galega, están a publicar un tras outro anuncios ofrecendo prazas de prácticas no próximo verán invitando ós novos licenciados ou ós que están a piques de rematar a carreira a que se integren temporalmente nas redaccións.
Posiblemente rapazas e rapaces deixaron de crer nas bondades das prácticas, ou teñen outros alicientes, ou prefiren pasar o verán disfrutando das praias costeiras ou fluviaies do noso país. Pero o certo é que os xornais que antes tiñan verdadeiro compromiso de solicitantes de prácticas andan agora ofrecendo prazas con total xenerosidade.
A ver se é que os xornalistas en prácticas prefiren outros medios e non os escritos... Se Internet, radio ou televisión cumpren mellor as súas expectativas, a prensa escrita pode quedar relegada. Algo pasa no xornalismo incipiente. Posiblemente comezan tempos novos.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora