Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alain Touraine no café de Fingoi

viernes, 16 de abril de 2021
A camareira queda mirando a televisión. A bandeixa e os ollos inmóviles. Deixa o café na mesa e di: canta xente sabia hai no mundo! Porque na pantalla entrevistan a un sociólogo francés. Alain Touraine é moi vello, moi culto e tolerante, palabras que soan sinónimas neste home.

Resulta admirable a capacidade de escoita da señora que serve o café. Touraine está a falar do respecto ao outro, de tolerancia. Fala de multiculturalidade, de dereitos humanos. Está a falar da alma grande, agora enferma e chea de medos, da vella Europa.

Escoitar ao outro cos ollos de par en par, considerar as ideas do seu discurso, admirar a quen sabe máis non é habitual nesta terra dura. Aquí imperaron secularmente os dogmas antes que as dúbidas razonables. A intolerancia, o rexeitamento do diferente provocou expulsións masivas: sefardíes ao longo do Mediterráneo, moriscos. Así fomos máis ortodoxos pero máis pobres. Todo foi afianzando o concepto mesquiño de tribo e vacinándonos contra o exercicio da cidadanía libre. Hoxe a tribo volve estar de moda. Mala sorte para os magrebíes, para os negros, para os rumanos.

Os berros calan as ideas e o ruído enmudece aos sabios. Abonda con acender a televisión ou enredar no dial. De onde sae tanta emisora tremendista? Quen concede licencia a idearios da furia? Menudean as tertulias, programas ben baratos, onde as linguas semellan navallas cabriteiras.

Quen nada sabe de economía pontifica sobre a crise como se fora un Nobel. Quen antonte calaba na ditadura, critica con ferocidade o Estado das autonomías. Quen nunca moveu un dedo polos demais nin lle descontaron un euro da nómina, demoniza aos sindicatos. Iso si, usufructúa conquistas sindicais e subas salariais. Quen nada sabe de virus critica a virólogas e epidemiólogos coa audacia do analfabeto no eido científico.
Abondan uns minutos nalgunha desas tertulias carpetovetónicas para descubrir a riqueza da lingua para o insulto e o epíteto. Xente con título e gravata oubea con entusiasmo. Non hai autoridade do Estado que se libre das descalificacións de lingoreteiros que ben pouco aportan. Prima a brocha gorda, o ninguneo, o titular escandaloso. Con enorme desenvoltura fan gala de escasa tolerancia e sensibilidade democrática.

Alain Touraine, o sociólogo sabio, segue a contestar amablemente á entrevistadora. En castelán, que polo mundo adiante saben linguas. Non levanta a voz. E sorrí. A camareira fica fascinada ante home tan educado e sabio, que non berra porque ten moito que dicir. E co café queimando nos beizos un queda abraiado ante esta muller tan intelixente e sensata. Cando pago, dígolle que cobre tamén o café de Alain Touraine.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES