Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díxolle a nena (1)

viernes, 09 de abril de 2021
"A PANDEIRETA DE SEIS AZAS" III

A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA


III
Díxolle a nena:
-Vaites mar,
¡quen poidera collerte
na cunquiña da man!

E na tona da auga
o mar a rir:
-Unha bágoa cativa
é meirande qu'a min!

O terceiro poema da Pandeireta de seis "azas" está tamén formado por dúas estrofas de catro versos cada unha, son de arte menor, heptasílabos e pentasílabos.

As estrofas son seguidillas que xa atopamos na lírica galega desde o século XIII en Meendinho e no seu paisano e contemporáneo Martín Codax, mesturando versos de sete e cinco sílabas (1)

"Mía irmana fremosa
treides comigo
a la igrexa de Vigo
é o seu mal salido".

Esta estrofa de Fientosa tamén a emprega outro contemporáneo seu, García Lorca en "Balada de un día de Julio" con versos de sete e cinco sílabas e cunha asonancia.
No poema que nos ocupa, a rima asonante atópase tamén nos versos pares, aínda que a construción silábica sexa diferente nas dúas estrofas, por iso, as seguidillas que emprega Francisco de Fientosa son SEGUIDILLAS FLUCTUANTES que neste caso adoitan este esquema:

1ª: 5a . 5b . 7c . 7b
2ª: 7d . 5e . 7f . 7e

O poema é un dialogo entre unha nena e o mar. Este tipo de composición dialogada é tamén moi frecuente na poesía do seu curmán Crecente Vega ou na obra citada de García Lorca. En Francisco de Fientosa sucede que no primeiro e/ou no segundo verso presenta o diálogo e nos seguintes procédese a iniciar a conversa.

PRIMEIRA SEGUIDILLA
"Díxolle a nena
-Vaites mar,
¡quen poidera collerte
na cunquiña da man!"

No primeiro verso comparece unha nena, personaxe moi adecuado, pola súa parte, para exercer un diálogo con outro personaxe inanimado, como é o mar, que se nos aparece no segundo verso, despois de presentárnolo cunha exclamación moi propia da nosa terra, "vaites", que expresa admiración ou sorpresa, e ás veces unha certa ironía; neste caso, pensamos, que ademais de admiración tamén indica unha ironía propia da nosa fala e da nosa idiosincrasia, que se ve reflectida nos seguintes versos:

"...
quen poidera collerte
na cunquiña da man".

A ironía maniféstase pola OPOSICIÓN entre os dous interlocutores:

Nena / Mar

e entre os receptáculos de continencia do mar:

Espazo que ocupa o mar / Cunquiña da man.

A ironía queda aí flutuante e a imposibilidade é absoluta debido ás diferenzas tan exorbitantes entre o mar, que ocupa dous terzos da superficie do planeta, e xa non unha cunca, senón unha cunquiña que, ademais de ser máis pequena ca a cunca, vese minguada por representar a man dunha pequena que conforma tamén unha metáfora lexicalizada, que empregamos sen darnos conta; así, ás veces, bebemos nas fontes coas cuncas das mans e dicímoslles aos nosos fillos, que non beban polo cano por onde sae a auga, que "beban pola cunca da man", e se non saben, aprendémoslles a facelo. Cousa da que nunca máis se esquecen.

(Continuará...)


NOTAS:
1. NAVARRO TOMÁS, T.- Métrica Española.Ed Labor, S.A. 2ª edic. páx 130.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES