Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: Mazinger Z / Tarde primaveral

martes, 06 de abril de 2021
Mazinger Z

Levo horas mirando cara ó ceo a ver se vexo outra. Outra bóla de fogo. O outro día unha seica cruzou o sur de España a unha velocidade de 96.000 quilómetros por hora. Iso é moita velocidade. Engrúñome eu cando vexo que alguén se pon cun coche a 140, por exemplo; non quero pensar que faría ou que me pasaría a 96.000. Aínda que case estou por apostar que esa noticia é unha esaxeración, que ese xornal non se decatou de que seguramente estivesen rodando algún capítulo de Mazinger Z. Seguro que era unha escena na que ese machote lanzaba o seu fogo de peito. Que tipo Mazinger Z!
Imaxino que as xeracións de agora non saben dese heroe, pero na miña época a serie do manga ou anime ese rebentaba as audiencias. Dixen na miña época porque non podía dicir de rapaz, xa que cando se proxectou en España, en 1978, este servidor xa tiña 19 anos e, non obstante, era dos que primeiro collía un bo sitio no bar para asistir á éxtase, a aquela éxtase de "fogo de peito" ou "puños fóra". Naquela media hora ou unha hora (xa non lembro) que duraba o capítulo, todo o bar, incluída xente de moito máis alá dos 19 anos, coma santiños vendo as aventuras do robot xaponés que nos revolucionou as tardes, principalmente, do verán. Do verán porque, grazas á canícula, non podías saír a cavar, ou a arar, ou a segar a herba moi cedo, polo que tiñamos tempo de contemplar ó noso heroe. Canto máis o penso, máis seguro estou de que esa bóla de fogo pertencía a Mazinger Z eliminando ó seu antagonista.

Tarde primaveral

Tarde primaveral. Con aire. Con sol. Este, ás veces, esfúmase, escóndese, acóchase baixo a explosión do pole dos piñeiros. Pon todo perdido. Tanto que acabo de abrir o caderno e cando apoio a man para escribir xa noto o po rabuñando na pel. Tarde primaveral na que saco un chisco o bozo, a mascariña, a carantoña que aínda nos obrigan a levar para tomar o café. Que está moi rico, por certo. Tan rico que é coma o gozo que te leva á éxtase ou coma o desexo que te levo ó gozo e á éxtase. Máis ou menos.
Tarde primaveral na que vexo como a rula se achega ata o niño e alí está o seu amigo para darlle abrigo. Os animais son como as persoas cando se achegan a quen lle rouban os sentidos. Os animais transforman un instante nunha eternidade, o tempo nun suspiro, a distancia nunha meta e corren ou voan ou se arrastran ou reptan para alcanzar a gloria. E xemen coma os humanos.
Tarde primaveral con aire e sol e polen e música e gozo e abafo. Abafo ou agonía pola impotencia de non saber realizarme como animal. Teño moito que aprender deles. Tamén aprendo das conversas entre o sentimento e un pensamento, ou viceversa; dos encontros entre unha fantasía e unha realidade, dun concerto entre o silencio e o ruído, e dunha solicitude na que hai que marcar un si ou un non ou un quizais. Non sempre sei actuar de fixo.
Tarde primaveral na que o pole dos piñeiros pon todo perdido e na que o aire, este aire quente, africano, leva estas pingas de orballo ó xardín das delicias ou ás pradeiras das alegrías.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania