Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A bendición das casas

lunes, 05 de abril de 2021
Din que o prometido é débeda. A semana pasada prometín que falaría do domingo de Pascua e como non lle quero deber nada a ninguén, alá vou cumprir esa promesa.

En principio, o domingo de Pascua, para un rapaz, era quizais, despois dos Reis (para aqueles que tiñan Reis, claro), o mellor día de todo o ano, porque se entendía que recibiría a pascua dos padriños. Eu recibía a pascua tan só da madriña porque o padriño atopábase no País Vasco e, claro, naqueles tempos non ía mandar por correo os agasallos.

A miña pascua era pobre porque a madriña era pobre e un servidor era pobre. Non obstante, entendo que a Delfina, e sendo pobre, bastante esforzo tivo que facer para que eu recibise uns anos uns calzóns, outros anos unha barra de pan trigo (que era unha auténtica riqueza), outros anos máis uns panos ou uns pares de calcetíns. Algunha libra de chocolate sería xa un ano extraordinario.

Pero si, o que prometera o luns pasado era falar do espolio que levaba a cabo a Igrexa ese día e coa escusa de bendicir as casas. Todos os anos e como se dun ano para outro as casas pecaran ou blasfemaran, había que bendicilas. E se as casas non pecaban sempre quedaba a opción de que aniñasen nelas os espíritos malignos (que en algunha poida que si os houbese). Para facer tal bendición, o señor crego tiña que ver sobre a mesa do comedor, do salón ou da sala unha cestiña con media ducia de ovos, polo menos. Aquí é onde quería chegar eu, a esa media ducia de ovos (ou se o ano era bo, unha ducia incluso), e xa non lembro se se lle puña algunha outra cousa máis, que penso que si; creo que ata cartos se puñan naquela cesta.

Moitas familias labregas, como a miña, case se pode dicir que vivían, mellor dito, que subsistían grazas ás vendas dos ovos das pitas, do leite dunha ou dúas vacas (que araban e tiraban dos carros, polo que non daban moita leite que digamos), dalgúns porquiños que criabas e dun ou dous becerros ó ano e se é que o preñazo das vacas seguía o seu curso, que ás veces non guiaban ben e se acadabas un becerro ó ano xa era unha lotería. Pois ben, o domingo de Pascua chegaba a Igrexa ás nosas casas a roubarnos (esta palabra está moi ben dita) parte da subsistencia. Así ano tras ano porque en doce meses, algún día, tivo que entrar o espírito maligno nesas casas. E había que erradicar ese bicho pecaminoso a base de ovos e cartos e o que cadrase. Que todo fose para o ben da Igrexa.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania