Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta a unha lectora, a un lector (X)

lunes, 05 de abril de 2021
Para rematar cos textos entregados a Lemos Le, quero recoller o de Flora Enríquez en relación á biblioteca:

"Había que estar con respecto, aquel lugar era case unha igrexa, era un templo onde se agachaban as historias que marcarían a nosa infancia, a nosa adolescencia e case toda a nosa vida. Aquiles, Ulises, o cabalo de Troia, os deuses de Grecia e Roma, a tumba de Tutankamon, os mouros que vivían nos castros, os tesouros incas... foron o centro dos meus soños, e os doutros moitos nenos e nenas que, ó saírmos da escola, iamos sempre á biblioteca"

O de Ramón Sandoval que fala do libro de Dostoievski, Crime e castigo, un título que prometía:

"Lino nas seguintes noites: cando tocaba hora de durmir metíame na cama, apagaba a luz, agochábame coa roupa e así ben tapadiño acendía un pequeno foco e poñíame a ler. Mentres meus pais pensaban que durmía eu vivía as aventuras e desventuras de Raskolnikoff e descubría palabras exóticas como topeck, samovar, mujik. Cando rematei, o veleno xa estaba en min e souben que xa nunca máis podería deixar de ler. (...) Con Verne fun á Lúa, viaxei en globo e polos fondos mariños, coñecín Africa, illas misteriosas, volcáns, tribos salvaxes, e por primeira vez intuín que o mundo era moi grande, moito máis grande do que eu pensaba".

E o de Antón Lopo na presentación da Biblioteca de Mesopotamia (unha das coleccións da editorial Chan da pólvora): "Biblioteca de Mesopotamia nace co obxectivo de reconstruír unha paisaxe literaria sobre a paisaxe xeográfica para darlle densidade de linguaxe ao horizonte que compartimos todas as mañás cada vez que espertamos: nomear o silencio orográfico da nosa identidade común (...) Esta Biblioteca vai a ser unha colección de publicacións que trazarán un horizonte común co territorio onde conflúen os ríos Sil e Miño; un patrimonio que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade".

Polo tanto, os libros e as bibliotecas tráennos referencias que van dende a cultura máis antiga ás referencias literarias e á propia xeografía que é cartografía de nomes e reminiscencias que a envolven.

Non quero rematar sen facer unha pequena anotación acerca dese fenómeno que sempre quero reivindicar: Lemos Le. Un grupo de persoas cuns obxectivos moi definidos acerca do fomento da lectura e a cultura, que representan as bibliotecas escolares de centros de primaria e secundaria da comarca de Monforte, pero tamén as bibliotecas públicas deses concellos, e tamén as librarías e aos escritores e outras plumas da contorna dispostas a traballar para facer avanzar unha comunidade de lectores interesados polo que os rodea e pola defensa duns valores democráticos como o da igualdade entre homes e mulleres. Eles escollen cada ano, en colaboración co CIM de Monforte unha muller, porque consideran que é imprescindible visibilizar a aquelas ás que a Historia oficial ocultou. En base a esta escolla van a celebrar o Día da Muller, baixo o lema "Unha muller para o 8 de marzo", e en torno a ela realizarán unha serie de traballos e convocarán o concurso "Mulleres de Lemos". Os traballos nos centros de primaria consistirán na presentación colaborativa da biografía da muller escollida, entre todos. Neste caso, o concurso, vaise centrar en dous tramos de idade: de 12 a 18 anos (que pasará a súa investigación a banda deseñada) e a partir de 18, en calquera xénero literario para conseguir publicacións de valor acerca destas mulleres. As figuras que centran o traballo, son moi diferentes pero igualmente interesantes.

Por exemplo, no ano 2020 foi Margarita Rodríguez Otero (empresaria, deputada e cronista oficial de Monforte), no 2019 Inés Fernández. Abadesa de Eiré no século XV, no 2018 foi Genoveva González Prieto mestra que foi retirada do ensino oficial na Ditadura, no2017 é a farmacéutica de Pantón Balbina López Somoza, a través da cal se dan a coñecer as mulleres da II República Española; no 2016 centrouse en Lola de Penelas, unha muller que deu a coñecer Luciano García Alén nos seus estudos sobre a alfareiría en Galicia, unha nai de familia, artesá, que se movía polas aldeas cos fillos para facer cacharros, tal e como a representou Díaz Pardo nunha peza de Sargadelos.

Anteriormente foran María Castaña e Inés de Castro as mulleres tratadas; así, entre recomendacións lectoras, roteiros literarios e culturais, publicacións e encontros arredor da lectura, faise a historia do día a día, construíndo tamén o relato das que estaban agachadas, erguéndoas entre todos: nenos e nenas, bibliotecarios e libreiras, creadoras e docentes, porque o colectivo asenta e crea.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES