Membros e membras
Editorial - jueves, 12 de junio de 2008
Circula por internet un presunto currículum da ministra máis nova da historia que o Presidente de Zapatero elixiu para que levase adiante a súa política relativa á Igualdade entre o home e a muller.
O bautismo político da xovencísima señora Ministra non puido ser máis soado cando saca a relucir a palabra membra para designar ós compoñentes femininos da Comisión/Comisiona do Congreso/Congresa dos Deputados/Deputadas con sede na capital do reino/reina.
Se pretendía facer favor á causa da igualdade, flaco favor resulta co pitorreo que se arma por parte de académicos, informadores, políticos e pobo votante, que entenden que o tema igualitario non radica nos bautismos esperpénticos senón en medidas moito máis lentas e profundas que cambien xeitos e establezan pautas de pensamento e comportamento consontes coa realidade actual e coas tendencias igualitarias que imperan no mundo civilizado.
Nomear unha ministra noviña para un tema novo está ben, pero o nomeador está exposto ás novatadas que non sempre son culpa do contorno senón que ás veces o/a novato/a enrédase el/ela solo/sola, de palabra ou de obra.
Neste caso foi de palabra/palabro. A Señora Ministra vai ter desde agora na súa carreira política o sambenito da membra, que algún día pode costarlle caro. En tanto, é unha broma. Pero as bromas, en política, poden ser moito máis caras que as veras.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora