Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a unha lectora (VII)

viernes, 26 de marzo de 2021
Continuando co eixe de textos sobre a lectura, abandono os marcapáxinas do Día do Libro para bibliotecas escolares e voume á páxina do colectivo Lemos Le (formado por ensinantes, bibliotecas escolares e públicas, librarías e escritores/as) para seguir recollendo algún outro texto deste tipo.

Olga Novo (a autora do último Premio Nacional de Poesía) é da Pobra do Brollón e foi a primeira convidada a escribir algo sobre a lectura. Eu recollerei anacos dese texto, a ser posible, só recortando e pegando:

"O meu universo da infancia non tiña libros. O meu universo da infancia tiña vacas. O meu cuarto estaba xusto enriba da corte e escoitaba nas frías noites do inverno, tapada ata os olliños, o son das cadeas ás que estaban presas as vacas e oía os seus bufidos, a súa respiración.

O caso é que aquel meu cuarto, xa na mocidade, empezou a albergar algúns libros, exemplares de poesía, libros de historia, manuais de feminismo, biografías, novelas de Tolstoi e Flaubert, humildes edicións baratas dos clásicos, libros mercados cos aforriños e libros regalados con xenerosidade, xoia do ouro do pracer máis prezado; e a inmensa biblioteca entraba no meu cuarto polos soños. Eu acariñaba aqueles libros coma se fosen xentes queridas e debruzada na madrugada sobre as súas páxinas viaxei polo mundo sen saír da pequena aldea, do pequeno cuarto, da pequena cama desde onde oía respirar as vacas.
E así foi como aqueles libros do meu cuarto recibiron o profundo perfume das vacas que vivían xusto debaixo e o tecido de papel impregnouse para sempre daquel olor."

Escribiu, o texto, en 2014 e resultou ser unha autopoética porque nel explica a esencia da súa obra: a alta cultura universal impregnada polo mundo propio, labrego e pobre, case medieval. O mundo das vacas, o noso animal totémico, o que mellor nos define con esa mansedume do profundar.

A que, para min, é a mellor voz da nosa poesía actual, sintetiza da maneira máis sinxela o que vai dar lugar á súa obra de creación, as fontes das que bebe e as colleitas que a alimentan.

Cóntanos como dende o propio, sen perder nada do que se é, sen avergoñarse de nada do que nos constrúe, se pode chegar á literatura universal e poñer unha voz no concerto do mundo. Se duramos, veremos a súa poesía nas grandes antoloxías universais e sentiremos orgullo de que non nos negou senón que, polo contrario, fixo unha xoia con nome propio coas corres da nosa lingua e da nosa cultura. Ser unha, cun pé en cada mundo, ser sen deixar de ser, ser sen impostura. Chegar ás universidades de Europa sen abandonar a nena labrega que dorme nun cuarto sobre a corte das vacas, e volver a esa casa traendo o arrecendo das exquisitas flores das Academias que non desdín das que nacen nos nosos xardíns, ou mellor, nas nosas hortas, nas que sempre unimos o útil, o de comer a beleza que recollemos para levarllas aos mortos.

A autenticidade é o que percibimos cando lemos os seus poemas, pero tamén nas súas colaboración para Luzes na sección "O bosque dos cromosomas".
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES