Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os anxos de Lourenzá (I)

jueves, 25 de marzo de 2021
A aqueles profesores e educadores ós que debemos tanto e nos serviron de guías no noso vivir. Grazas polo seu ensino, no só cultural, senón polos principios que todo o abranguen.

Houbo un tempo no que Deus montou unha sucursal do ceo en Lourenzá. Unha morea de anxeliños aniñou, cal fermosas anduriñas, naquel vello convento bieito de San Salvador procedentes de aldeas e vilas da diócese mindoniense. Era una colleita de inocencia que o Amor seleccionou sen preguntar outra cousa se estaban dispostos a servilo. E iles aceptaron.

E chegaron espidos de riquezas, cun xergón e unha desvencellada maleta; con pouca roupa, sen outra riqueza que a ilusión de ser homes dignos da encomenda. E, uniformados cun mandilón gris que todo o tapa, miseria incruída, instaláronse en amplas estancias de de quince ou vinte camas, sen outros luxos que unhas duchas de auga fria, un amplo salón refertorio, máis voluntarioso que apetitoso, e outros espaciosos lugares como o adicado ó estudo cos seus pupitres de madeira, xa traballados coas navallas, con recordos dos predecesores. O mundo era pequerechiño e, non embargantes, os espacios enormes a ollos de nenos.

Todo se reducía a dous cadrados claustros, que miraban polos seus arcos aquel ceo gris, cando non mouro, e case sempre mollado. Din que a choiva é arte, pero a tanta nunca se lle vía a beleza por ningunha parte; máis o contrario: Era do único de que estábamos fartos.

Desaiuno, comida e cea con choiva e, se acaso, nunha raiola para botar un partido de fútbol no primeiro patio. No segundo había un pozo, cun pararaios no que as veces tronaba, e uns pretendidos xardíns de buxos que ninguén coidaba. Unha humilde, aínda que moderna capela, remataba a voluntaria cárcere e só un portalón, no primeiro patio, polo que se accedía ó coro da fermosa igresa da Vila, trocábase nun ventanuco para que aqueles pueris querubís podideran ollar o resto do mundo.

Un microcosmos moi particular onde rexía a disciplina- labazadas abundosas e sonoras a esgallla-, a sobriedade, a comida xusta, o eterno estudo, as crases de Chichero, as aventuras de D. Quixote, Moisés e as súas andanzas... Todo aderezado cunha mentalidade nacional-catolicista tan en boga. Normas de urbanidade con prácticas, e, se acaso, o único lugar do mundo onde se falaba do ablativo axente.

Alí adestraban ós futuros curas sobre os pecados capitales:
A soberbia alí non existía. Adquirese cós anos.
A avaricia non tiña cancha, ninguén gozaba de bens materiais.
A ira, sofríase as veces cando as trastadas salíanse do seu.
A gula estaba prohibida polo racionamento, agás cando chegaba un paquete da casa.
A envidia sempre foi coma a atmósfera, envolvía moitas miserias.
A pereza non tiña tempo levantándose as sete da mañá en pleno inverno e sen calefacción

Outros pecados como a luxuria e as súas variantes non existían. Entre outras razóns porque a muller e o demo eran a mesma cousa. A máis as mullleres, sí existían, era no maxín ou na casa nas vacacións. Só velas era pensamento impuro, pero o certo era que non se vían. Senón, a que viñan as excursións os días de festa polo monte? . E canto máis polo monte, mellor, que non había tentacións. ¿Eran ou non anxos?

Catro ou cinco curas, a maioría novos, con ganas de traballar, capitaneados polo coxo capitán do exército, o cura rector Puente, impartían unha férrea disciplina que adobaban con comprensión e xenerosidade Anxos sí, pero coma Lucifer, rebellos tamén.

Aqueles seráficos bonecos, esbozos de homes, de ollos abertos e corazón limpo, convivindo con misas, rosarios, jaculatorias, confesións, exercicios espirituais... falcatruadas a esgalla, caldo, sopa de cebola - para mín un sacrificio polos nenos de África- eran o pan rico do noso cotidian convivir.

Aqueles vellos dormitorios, onde os ratos andaban na procura dun cacho de pan dos bolsillos dos mandilós, amosaban ás claras as precarias estancias con ventás que non pechaban ben, e o solo que cruxía sen causa real aparente. Alí poidéranse ambientar moi ben películas de terror, pero naqueles tempos as carencias, a miseria e adaptación ó medio eran vistas como algo normal. Cecais hoxe aquela difteria que levou ó Ceo a Casabella de Ferreira fose investigada. Daquela foi mala sorte para o o compañeiro.

En Lourenzá o sol nunca tivo presa para sair, só a tiña para deitarse. Por iso, ó toque de timbrazo, noite pechada, toda a rapazada corría con presa axetreada co aseo e a limpeza da común habitación. Revista de aseo persoal e revisión exclusiva de orellas e uñas. Chaverazo incruído.

Despois misa, comunión, as veces repetida por despiste, e outros rezos, que cando non eran por unha razón, eran por outra. Faltar, non faltaban.

Desaiuno de leite con auga, ou viceversa, e manchada de café e pan. O pan era a comida preferida.

Deseguido, estudio, clase, recreo; estudio e clase, recreo; comida, recreo, estudio e clase; merenda, estudo... e así todo día. Os recreos mais longos media hora. Agás festivos con horario arbitrario. Tamén había os paseos polo monte do que falaba antes onde os anxos de terra adentro amosaban as súas destrezas cos niños e paxaros. Os vilegos resultábamos parvos ata no andar.

Nos recreos botábanse apaxionados partidos de fútbol nos que participaban, as veces, algún profesor, e raro era non rematar con conflicto. A vehemencia, o ganar de toda-las maneiras, e o bulrarse do perdedor, era unha actividade cotidiana. Tamén había mesas de ping poing e futbolíns onde os vilegos eran máis doctos que os do interior. Mais habendo estas pequenas liortas, a camadería e a superación de parvadas era francamente moi boa e xerminou en relacións fraternais o cabo dos anos.

Continuará …
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES