A cousa
A cousa está aí. Nótase no ambiente. Non sei o que é, pero algo hai. Está no aire. Está

nos soños e pensamentos e sentimentos e anhelos e suspiros e queixas e bágoas e sorrisos. É a cousa, seguro que é a cousa. Tampouco lle sei ver a color; ás veces semella vermella, outras azuis, outras verde de primavera, outras verde de esperanza, outras lila e incluso escura ou negra. A cousa noto eu que é grande, inmensa, quilométrica, ata case podo asegurar que infinita.
Teño ganas de vela, pero non consigo ver un burro a tres pasos. Hai unha néboa espesa. Non obstante, o ruído aí está. Algo fai moito ruído, como tamén axiña se queda en silencio. Por veces, dáseme por pensar en John Carpenter, pero axiña descarto a idea. Que pintaría John Carpenter nas Mestras. Nada. Aínda que Baños de Molgas teña os seus lugares para unhas boas películas de terror, John Carpenter prefire ir rodar á Antártida. Alá el. Pero eu noto, sinto, vexo, estou seguro de que aí hai algo: unha cousa que a dous pasos non consigo ver.
A cousa por veces bufa e por veces se queda muda. A verdade é que non sei se é algo que fale, ou se é un animal, ou se é un obxecto, por exemplo, voador. Pero algo hai, algo se move por entre os carballos das Mestras; unha cousa que está a poñerme nervioso. Teño que saber que é. Polo que avanzo e avanzo e non atopo nada de nada. Non obstante, aí segue. Eu sigo notando a cousa arredor dos carballos, sobre os carballos e entre os carballos. Seguro que está dentro dese vello carballo. Miro, e nada. Silencio nas Mestras. Maldita cousa!
Os meus días
O outro día falaba dos días do pai, da nai, dos namorados e de case todo o habido e por haber. Hoxe, lendo este xornal, vin que en algún lado falaba do día internacional de..., pero como non lembraba ben de que era, déuseme por buscar na Internet e

quedei aparvado ante as conmemoracións que se levan a cabo tan só no día de hoxe. Aí van: Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, Día Mundial da Síndrome de Down, Día Internacional dos Bosques (este fora o que eu lera), Día Mundial da Poesía, Día Internacional de Nowruz (celebración do equinoccio de primavera). Día Europeo dos Arquivos, e Día Mundial da Marioneta. En tan só un día!
A verdade é que todo iso vén a conto porque, eu, do que realmente quería falar era do día de onte, 20 de marzo, o Día Internacional da Felicidade. No que recomendaban moi encarecidamente que desconectar de dispositivos e da realidade virtual seica está entre os factores claves para conseguir ser feliz. Poida que si e ata case aseguro que si. Pero ser feliz tamén se pode conseguir cun simple berro desde o alto dos Castros ou cunha sinxela mirada, dependendo, iso si, a onde se lance. Ser feliz é moi fácil. Agora mesmo eu son feliz; e iso que hai unha tarde espléndida para pasear á beira dunha lagoa e, non obstante, aquí estou, pechado e facendo que fago algo. A verdade é que eu case sempre son feliz: asubiando, cantando, berrando, correndo, sentado, escoitando música (iso sempre), escribindo, vendo películas, soñando, durmindo, tomando café (iso tamén sempre), soñando outra vez. Eu conmemoro felizmente todos dos días. Todos son Os Meus Días.