A ameaza Fantasma
Deitei sobre o xergón cheo de follas de millo e tan axiña como pechei os ollos asomou pola lumieira un algo que non souben distinguir. Ó mellor era un simple pensamento que quería acubillar nun recanto da memoria. Ou un sono que pensaba bailar ó ritmo dos latexos do meu corazón; que nese momento recoñezo que era moi acelerado. Unha ameaza fantasma roldaba pola habitación. Proíame o corpo e non sabía

xa se era polas pulgas que soltaría o xergón ou por esa ameaza que intuía que asomaba pola claraboia. Non me quedou outra que engruñarme e deixar que o tempo pasase. Pero os pensamentos son libres, coma os medos, e imaxinaba películas de terror por entre as patas das vacas que estaban abaixo, na corte. Ata cheguei a pensar en ser roído polos dous porcos que había no cortello. A miña fantasía era terrible, pero porque sabía que unha ameaza fantasma estaba a meterse por entre as follas de millo do xergón.
Empecei a suar de angustia e cada vez apertaba máis os ollos. Quería durmir axiña. Pero quen dorme cun corazón acelerado e cuns recordos que van e veñen por entre as interminables liñas dunha novela que se está por escribir. Imaxino que será de suspense ou dese xénero negro no que todo se volve escuro. Como escura é a ameaza fantasma que se está formando na miña cabeza. Dou voltas e máis voltas sobre o xergón, pero sen abrir nunca os ollos. Non quero mirar para a lumieira. Case mellor me levanto e boto a correr polas rúas de Baños de Molgas, non vaia ser o demo que...
Cazador a soldo
Chámome Olegario Cuevas e son un cazador a soldo. Cazo desde castañas asadas ata diaños sen alma. Son fillo de Eladio Cuevas, O Parrumeiras, e de Eudosia Ponte, A

Laretas. De pequeno xa me gustaba cazar moscas e bolboretas. Os grilos, despois de cazalos, intentaba capalos. Non se pode dicir aquí como se capa un grilo porque iso só se ten que facer de forma presencial; ou sexa, coa presenza dun paspán e un grilo. Tamén se alguén me contrata podo cazarlle soños nas noites escuras, e tamén nas claras; todo hai que dicilo. Cazo un tema musical ó voo, por exemplo, un de John Williams, e ó mesmo tempo corro detrás dunha doniña, para que?... para cazala.
Hai uns meses, o concello de Baños de Molgas contratárame de detective privado e hai cinco días amplioume o contrato a cazador a soldo. Cazo moito e ben. Porque, aínda que non o dixera, a min, na miña vila, coñécenme polo Furtivo. É porque lles dá carraxe que cace tan ben e non se atreven a chamarme O Cazador. Pero tampouco me importa... Olegario Cuevas, O Furtivo. Non está mal.
O outro día tamén me contratou un veciño para que lle matara á muller, pero aí xa lle dixen que iso eran palabras maiores. Que como moito, podía matarlle un carneiro ou a raposa que seica lle asalta de cando en vez o galiñeiro. Por último, á moza que máis me gusta da contorna caceille un poema cheo de versos e cando llos din díxenlle que ela era poesía. Pero, carallo, que bonito quedou, non si?