Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rica en despropósitos

lunes, 22 de febrero de 2021
Rica en despropsitos A semana que nos deixou foi rica en despropósitos. A política estivo que ardeu e a vacina case nos queimou. Refírome, claro está, á AstraZeneca, polos presuntos trombos que seica causaba. Menos mal que, a estas alturas, parece que non hai tal polémica. A proba é que pasado mañá o noso país volve a subministrala. Agora que, sexa con esa e coas outras, oxalá todo volva pouco a pouco á normalidade. Digo pouco a pouco antes de precipitarnos. Non vaia ser que pensemos que ó poñer a primeira dose, ou as dúas, é igual, xa está todo solucionado e que vaiamos por aí tan panchos sen esperar a que todos esteamos vacinados.

Máis ou menos solucionado o tema da AstraZeneca, o outro gran despropósito semanal estivo nesa política que cada vez é máis podre, máis traidora, máis porca e máis incompetente. Entre dimisións, mocións, compras e vendas (ou sexa, unha feira) quedamos coma un pouco aparvados neste ir e vir de deputados, candidatos e demais políticos por varios puntos da xeografía española. Claro que isto non nos debería sorprender a ninguén, pois desde que o mundo é mundo e en todos os países onde cocen fabas, sempre sucedeu tal cousa: por unha pinguiña de poder dámoslle as costas ó amigo, incluso ó familiar, e lambémoslle aquela parte a quen nos prometa o santo e máis a esmola. A política é cobizosa e rica en poltronas que dan poder e cartos sen facer practicamente nada. Ás veces chega cun simple choque de man para pactar un posto ou unha cadeira nun despacho ou nunha Delegación ou nunha Consellaría e a vivir que son dous días ou... varias lexislaturas.

Tamén deben vivir ben, ou sexa, coma deus, as compañías de armas, polo menos nese gran país chamado Estados Unidos, no que cada dous por tres un paisano calquera, polo mero feito de que lle deixan ter armas, calquera clase de armas, anda a tiros por toda a cidade ou vila e deixando sen vida a quen se lle poña por diante. O outro día foi en Atlanta: un mozo (como tiña armas) liouse a tiros en tres salóns de masaxes ata que lle rebentou a vida a sete mulleres e un home. Despois seica alegou que tiña unha adicción sexual. O que tiña era armas, iso era o que tiña. Se non tivera armas, ó mellor desafogaba ou aliviaba contra os buracos dos bloques de cemento. Pero claro, as armas, son un gran negocio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES