Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Guía de piromanías no país de Breogán

martes, 10 de junio de 2008
Esvaran as bágoas pola barba de Breogán, o guerreiro que vivíu no tempo das mitoloxías.

As xentes do país miran de esguello ó caudillo duro e arriscado.

- É o fume, carallo!- e seca a última gota coa man.

Arde Galicia polos catro costados! titulan os xornais. Non é certo. Desta volta, polo que máis doe, a Franxa Atlántica, a que vai de Ferrol ata a A Guardia, a que nun 17 % do territorio concentra o 60 % da poboación e case o 80% do PIB.

Buscando as causas do desastre moitos falan dos pirómanos (do grego pir, lume e manía loucura). É dicir, isto é cousa de catro tolos, e coma os tolos non son responsables dos seus actos, é cousa de ninguén: un país enteiro nas mans duns poucos tolos polo lume, que habelos, hailos.

Pero hai outras piromanías:
A piromanía do monocultivo de especies de crecemento rápido, depredadoras do medio e da humidade, creadoras dun sotobosque sucio e empobrecido, e altamente inflamables. E por riba o metro cúbico e eucalipto non vale nada.

A piromanía dos que queren converter a natureza máis verde na paisaxe máis gris de cemento e ladrillo: tolos pola gañancia rápida aínda que iso implique a desfeita do paraíso.

A piromanía dos políticos locais que só ven riqueza e desenvolvemento contando o número de pisos e chalets adosados. Se logo a auga non chega, como en Sanxenxo, ou os problemas de accesos e servizos fan invivible a zona, a culpa é do goberno.

A piromanía dos políticos populistas que incendian os ánimos xa quentes das xentes buscando a rendabilidade política no medio da traxedia: nesta desfeita o fracaso é de todos, e de todos é a solución.

A piromanía dos que están a crear esta inmensa maquinaria apagalumes, cando o sentidiño común di que hai que matar a este dragón que se alimenta do lume: un negocio milmillonario en Galicia. Non sería máis intelixente dedicar a estes miles de profesionais a cultivar e limpar o bosque, a recuperar as especies autóctonas, onde o pino e o eucalipto tamén teñen sitio, e non a ser testigos do fracaso e sepultureiros de árbores?

A piromanía dun modelo de desenvolvemento que expulsou a xente do rural. Este ultraliberalismo económico xamais pensou que ser galego implica unha maneira de ser, de falar e de ocupar o territorio: a terra é a casa da xente e non o depósito dos bancos.

A piromanía dos políticos que envían o exército a funcións de damas da caridade e non lles permiten apagar o lume. A cousa é de coña: ou as balas queiman menos ou os xubilados e as mulleres están a demostrar máis valor na loita contra o monstro.
A piromanía dunha sociedade que está queimando o fígado da mocidade nas noites de viño e rosas pero non é quen de implicala decididamente na vixianza do noso monte.

A piromanía dos bobos que están a celebrar estes días con bombas de palenque a memoria do santo patrón da parroquia.

A piromanía dos impresentables que non se privan de asar, á sombra dos pinos, churrascos e sardiñas agora, xustamente agora cando tan ben sabe a tortilla fría e os filetes empanados.

A piromanía de…
As bágoas arrastran ríos de cinza polo vello rostro de Breogán. Dous millóns e medio de galegas e galegos contemplan abraiados como o país máis fermoso do mundo, o que está colocado ás beiras do paraíso, esváese entre faíscas de lume.
Non, non é o fume o que irrita os ollos de caudillo celta, é a dor profunda, as bágoas que brotan do corazón, alí onde din que habita o amor polo país e o odio contra os asasinos da terra, o noxo e a impotencia dos que chorando xamais deixarán de loitar. E a rabia das bolboretas, os berros da auga, os queixumes dos pinos, os laios das pedras.

Pola terra, pola nosa terra asoballada polo monstro do lume.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES