Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a unha lectora (V)

jueves, 18 de marzo de 2021
Fora Carlo Frabetti quen comezou escribindo esas mensaxes para marcapáxinas con forma de libro. Fixérao en 2008 e titulou o texto "O liberespazo".

Dicía (nun recorta e pega que tenta recoller as súas palabras máis imprescindibles, e a súa idea xeral):

"Os que teñen o privilexio de se converter en lectores son os afortunados beneficiarios de dúas experiencias iniciáticas sucesivas. A primeira é a descuberta de que os libros son irrepetibles caixas de sorpresas, cofres do tesouro que ao abrilos derraman no noso interior resplandecentes xemas que só eles conteñen, países das marabillas con climas e xeografías propios. O segundo descubrimento é que "o libro non é un hortusconclusus. Os países das marabillas non son illas. Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse como as salas dun pazo inmenso, forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra, o liberespazo. E, ao converternos en libernautas, accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre. Que á súa vez nos leva, ou nos invita, aos demais ámbitos da liberdade. Porque só a cultura nos fai libres, como dicía Martí. E só a lectura nos fai cultos".

Carlo Frabetti, é científico; matemático, membro da Academia de Ciencias de Nova York, pero coa entrada a USA prohibida por declararse abertamente de esquerdas. Conta con máis de medio cento de títulos sobre diversos temas, entre os que atopamos matemática recreativa e adiviñas lóxicos, pero tamén varias novelas que xiran arredor da resolución de enigmas. É, ademais, autor de literatura infantil e xuvenil, e ten recibido varios premios coma o último Barco de Vapor (2020) coa obra ¿Quién quieres ser? El é o humanismo e a cultura en estado puro, un deses seres, que agora se reivindican, porque xonguen as ciencias e as letras. E ao mundo das letras, ten traído ese concepto do liberespazo. Un universo de libros onde se forman galaxias como Vía Láctea e sistemas coma o Solar, onde os libros nos levan dun a outro… e forman, por exemplo, as constelacións literarias coas que Guadalupe Jover foi artellando un modelo para montar e desmontar, para que o profesorado continúe creando enlaces e asociacións entre libros.

Cando Xerais me encargou realizar fichas de lectura dos seus libros de Literatura Infantil e Xuvenil, nun esforzo por articular actividades para cada unha das fases de lectura (o antes, o durante e o despois) dun determinado libro, na fase final recollíase ese "Deste a outros libros". Porque cada libro é a porta de entrada a outros; pode ser pola temática, polo xénero, polo/a autor/a, pola ilustración, polos valores que defende, polos personaxes e referencias. As series e as sagas son a mellor demostración desa fidelización do lectorado, nelas a relación faise evidente.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES