Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Si se calla el cantor

miércoles, 17 de marzo de 2021
Cantaba Horacio Guarany esta preciosa canción que tamén estivo na voz de Mercedes Sosa e supoño que de moitos outros: "Si se calla el cantor calla la vida." Eu lémbroa na voz de Rubén Aramburu, recitada en homenaxe a Mini e Mero no Paseo dos Soños de Vilalba, agarimado polo murmurio silandeiro do Magdalena. Aquel dia impresionoume a rotundidade da mensaxe e como se materializaba naquela realidade de dous homes que levaban corenta anos coa guitarra ao lombo sementando ledicias e inquedanzas.

O mundo dos cantautores sempre me chamou a atención e quizais sexa o altar sagrado que me conforta na vida. Neste sentido, pásame como a Luís Pastor que se considera "amigo de todos los que cantan". Pois ben, acabo de ler que se retira Pablo Guerrero, home de voz baixa e mainiña na que flúen metáforas que contan o paso dos tempos, uns tempos que seguen esixindo que chova a cántaros para mudar unha realidade que hoxe xa non é a mesma na que loitaban Pablo ou Luís pero que segue esixindo voces que ergan a súa crítica e acompañen aos desherdados da vida poñéndolles un bálsamo no corazón.

Dicía Fausto que "tras dos tempos, novos tempos han de vir". Pois que veñan con moitos cantores e cantoras que non permitan mordazas nin de voz nin de conciencia, que loiten por todo pero, sobre todo, porque ninguén lles segue a voz, porque a democracia precisa de voz. Voces diversas a favor e en contra, voces contrapostas, voces enfrontadas, voces firmes, voces loitadoras e sempre, sempre voces ceibes como aquelas coas que nos agasallou a historia aos galegos.

O que nunca podemos consentir é que unha ofensa subxectiva apague unha voz libertaria que sendo igualmente subxectiva está poñendo en práctica o valor da liberdade de expresión. Por iso, simplemente por iso, "si se calla el cantor calla la vida".

Vaise Pablo Guerrero pero ogallá nunca pare de "llover a cántaros" cando faga falta.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES