Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á beira do Camiño: A voltas coa educación

lunes, 09 de junio de 2008
Neste caso, coa nova materia tan cacarexada da “Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos” que, na nosa Galiza, queiran ou non os bispos de Galiza, vaise impartir, de xeito obrigatorio, a partir do vindeiro curso. Demasiadas voltas as que xa se lle deron e as que lle quedan por dar aínda .¡Tantas, que imos rematar todos mareados e aínda moito máis encrespados do que xa estabamos!

Con pena por parte das persoas de boa fe (¡maioría neste noso Pais dos paradoxos!) estamos asistindo, todos e todas, a unha absurda e mediatizada campaña en contra, ao se converter nunha encarnizada escaramuza política e partidista, no canto de ser un problema totalmente do eido educativo. Coa Igrexa xerárquica belixerante, polo medio. Fai falla que, canto antes, o Tribunal Supremo se pronuncie para acabar coas grandes contradicións (¡nos fallos a favor e en contra!) dos definidos TSX de Andalucía e dos de Asturias, Catalunya e Aragón. ¡Con graves erros e prexuízos polo medio!

Dos tribunais, pásase ás rúas. E viceversa, das rúas aos tribunais. Mesmo se chega tamén a pedir a obxección de conciencia e a desobediencia civil contra unha lei, por outra banda, lexítima. Disparates e desconcerto, a eito. Os diversos gobernos e os sindicatos defendéndoa (sen se coñecer os textos e o seu contido) e os bispos e algúns partidos propiciando a rebelión. Aqueles que, de principio, deberían fomentar, animar e axudar a crear máis diálogo, tolerancia e concordia, colaboran tamén á confusión (deliberada e interesadamente) a respecto do que significa a moral pública e a moral privada. Os principios universais son de todos e de todas. ¡Son Patrimonio da Humanidade! Os distintos grupos humanos teñen códigos de conduta concretos, por iso se pode falar de “moral cristiá, xudía, budista ou islámica, agnóstica, atea”.Todas lexítimas como lexítimas son tamén as diversas etnias, culturas e relixións. O que non resulta lexítimo para ninguén é querer impoñer unha moral determinada ( tanto unha coma outra, a laica e a eclesial) ao conxunto da sociedade ou constituírse en xuíz e intérprete da moralidade pública dun Pais.

Por suposto, o novo Goberno tería que tratar de clarificar mellor o que entende por “avanzar na laicidade do Estado” xa que a situación actual para a comunidade educativa, profesorado e familias, parece insostible. Pero, de todo iso as propostas que están a circular polo País e mesmo as dos bispos, hai un gran abismo e diferencia entre elas. Os grandes valores, os da ética universal, todos, apréndense por sedución e convición vividas, día a día, no exercicio das obras e non pola imposición dunha parte determinada. Os perigos dos contidos e do adoutrinamento está nas mans de todos prevelos e eliminalos, para non volver aos vellos tempos non desexados por ninguén.

Adrede, non falo nin xulgo o “polémico e fortemente contestado comunicado dos bispos de Galiza o pasado xoves, día 5” xa que, segundo algúns medios de comunicación, foi ordenado, elaborado e acordada a súa distribución, o día 1º, en Lugo, o día da Ofrenda de Galiza ao Señor Sacramentado. Con votacións polo medio. Non me consta, con certeza, a veracidade do resultado e o xeito de acadalo. De ser certo o que se dixo, habería que cuestionar as actitudes morais e motivacións dos bispos. De seguro que haberá que vollver sobre o tema. Todos estamos implicados e somos co/responsables deste serio e urxente problema.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES