Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Repinicar dos remos' (1)

viernes, 12 de marzo de 2021
"A PANDEIRETA DE SEIS AZAS" I

A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA


I
Repinicar dos remos,
pandeirada de auga,
aturuxo de vento,
¡foliada da barca!
----------------------

Está formado por catro versos heptasílabos con rima asonante (a b a b), resultando ser unha cuarteta.

O primeiro poema, dos seis, que compoñen "A pandeireta de seis azas", chámanos a atención pola cantidade de substantivos que o compoñen porque son oito substantivos, tendo en conta que o infinitivo "repenicar" é un substantivo verbal, o mesmo que o participio equivale ao adxectivo e o xerundio ao adverbio verbal.

Os substantivos son: remos, pandeirada, auga, aturuxo, vento, foliada, barca e repenicar; este infinitivo ten connotacións tamén de substantivo polo que máis arriba dixemos, equivalendo ao "repenico dos remos".

A estrutura do poema é:
A de B

Repenicar dos remos = O repenico dos remos
pandeirada de auga
aturuxo do vento
foliada da barca

Debido á ausencia de verbos, o poema está cheo de substancias, sendo os correspondentes á estrutura A: repenicar, pandeirada, aturuxo e foliada. Son os substantivos máis importantes por funcionar como verdadeiros núcleos de significado. O poema é moi estático pola ausencia de verbos, e tan só o dinamismo vén representado polos substantivos iniciais que teñen unha carga semántica de movemento, como son: pandeirada, foliada; este dinamismo está protagonizado pola terminación en -ada, que os fai acercar a un participio verbal. "Repenicar", xa conserva na terminación -ar algún sema de dinamismo, e aturuxo é unha acción procedente do verbo aturuxar e por iso, todos eles levan unha pequena carga dinámica e de movemento por ser partícipes de formas verbais.

O campo semántico da estrutura A, sería:
repinicar
pandeirada
aturuxo
--------------------------
Campo Semántico: FOLIADA

"Repinicar": Non só consiste en tanguer repetidamente unha campá que, cando eramos pequenos, indicaba a última folga e era a que nos dicía que apurásemos porque a misa ía principiar, senón que tamén significa tocar con mestría un instrumento, especialmente de percusión, como é o pandeiro, significado que, neste caso, é o que o autor pretende.

"Pandeirada": A pandeirada é unha composición musical, semellante á muiñeira, acompañada de pandeiros ou outros instrumentos de percusión, aínda que tamén pode ser cantada.

"Aturuxo": O aturuxo é un berro agudo, forte e prolongado que se emite en sinal de alegría, nas festas e foliadas principalmente.

"FOLIADA": É o campo semántico das tres palabras anteriores, vén a ser unha reunión, normalmente nocturna, de xente para divertirse, cantar e bailar; sendo o lugar onde se pode: REPINICAR, facer unha PANDEIRADA e dar ATURUXOS. Como vemos, foliada é a suma das tres verbas anteriores aos que contén dentro do seu significado como verdadeiro campo semántico.

(Continuará)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES