Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a unha lectora (III)

jueves, 11 de marzo de 2021
Neste empeño por falarche con palabras doutros (as miñas non me parecen suficientemente convincentes) boto man duns magníficos textos que se presentan en formatos tan humildes coma un marca páxinas, iso si, en forma de libro.

Imos duns a outros, recollendo o que eles e elas sementaron, agradecéndolles os textos e dándolles novas vidas, trasladándoos dun a outro medio para que, aquelas e aqueles que aínda non os lesen, teñan a oportunidade de facelo.

En 2010, Juan Mata escribiu a respecto do que el fai para tentar transmitir as bondades da lectura: "Sempre preferirei a discreción do exemplo á barafunda dos discursos. Se me presento ante un grupo de nenos limítome a abrir un álbum ilustrado e lelo con delicadeza e fervor, se estou en fronte de adolescentes non lles falo nin como un colega nin como un académico senón como alguén que coa súa idade descubriu nos libros o que a vida lle ocultaba, se debato cos meus alumnos procuro inculcarlles amores antes que deberes cara aos libros, se traballo con profesorado aléntoo a actuar sempre como lectores antes que como eruditos, se me dirixo a nais ou pais intento facerlles ver a importancia de ofrecer modelos e estímulos, se converso con outros lectores sobre un libro non oculto os meus pensamentos pero non os erixo en verdade.

(…) Penso que actúo como deberían actuar sempre os lectores, sen arrogancia, sen conciencia de superioridade, procurando regalar o único que nos está permitido: o testemuño dunha alegría, a manifestación dunha experiencia singular cun conxunto de palabras que alguén armou para nós, aínda que o seu rostro nos sexa descoñecido ou a súa vida transcorrese hai milenios ou o seu cuarto diste centos de quilómetros do noso"

Juan Mata pode falar de todo isto porque, ademais de profesor universitario e autor dos libros Cómo mirar a la luna. Confesiones a una maestra sobre la formación del lector, El rastro de la voz y otras celebraciones de la lectura, 10 ideas clave. Animación a la lectura. Hacer de la lectura una práctica feliz, trascendente y deseable, é presidente da Asociación Entrelibros.

É ben certo; o que máis nos fai desconfiar de alguén é o seu discurso cando non se corresponde coa práctica. Por iso, sempre nos fiamos máis do que fai alguén que do que di. Por iso nos dan tanto medo os discursos baleiros dos políticos en relación á cultura ou á lectura, por iso sospeitamos dos concelleiros de cultura aos que nunca viramos en actos dese tipo ou dos que non coñecemos intereses culturais. De aí a importancia de que o profesorado lea, que as familias lean, de que as persoas máis populares e famosas o fagan (futbolistas ou deportistas en xeral, cantantes,…).

Nunca esquecemos que nin sequera é tan importante ter libros como valoralos e desexalos. Os nosos mellores escritores de LIX, Agustín Fernández Paz e Xabier Docampo, foron grandes lectores dende sempre a pesar de ter moi poucos libros na casa da súa infancia.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES