Foz: Unha débeda histórica
Fernández, Suso - viernes, 06 de junio de 2008
O día 16 de xullo de 1933 inaugurábase o Asilo de Anciáns de Foz, e así se materializaba unha das disposicións testamentarias do matrimonio Martínez-Otero que legou a súa importante fortuna ós focenses, en forma de institucións para a beneficencia e para a ensinanza, co pensamento posto nas persoas mais humildes e necesitadas.
Don Eliseo Martinez e dona Pilar Otero foron os grandes benefactores da historia de Foz; nunha medida que non ten, nen posiblemente nunca terá, parangón. Daí que o día 18 de xuño de 1934 a Corporación Municipal os proclamara Fillos Predilectos do Concello.
Xa no ano 1925, ó coñecerse o contido do testamento, Ramón Salgado Toimil, mestre histórico de Foz, loitador polo seu desarrollo social e cultural, Fillo Adoptivo, propón que o ilustre escultor Francisco Asorey perpetúe a imaxe da parella y así a la gratitud del pueblo juntaríase la artística ofrenda de las divinas manos del más genial y estupendo de los artistas de la raza, para honra de Foz y glorificación de los grandes filántropos.
Nuestro pueblo está obligado a rendir este homenaje a la memoria de sus generosos benefactores, que la gratitud de los pueblos es la virtud que los hace dignos de tan grandes protectores. Creemos que es el Concejo a quien, por obligación y por derecho, corresponde recoger la iniciativa.
Salgado Toimil, conscente da precariedade da economía municipal, suxire que se abra unha suscripción pública con ese fin; pero os tempos eran moi pobres e as familias vivían idénticas carencias. Ese foi, no fundamental, o motivo de que entón non se consumara o proxecto.
O Asilo foi, dende o principio, a institución mais querida polos focegos e en cada momento, na medida dos seus posibles, volcouse na súa axuda. Baste só lembrar cómo as lanchas que chegaban á riveira, antes de rulalo, apartaban o lote de peixe para aquela Casa; os periódicos donativos das familias, a través das colectas domiciliarias, ou cómo, ó longo dos tempos, iniciativas veciñais fixeron posible melloras e atencións diversas: instalación da calefacción, suministro de combustibles para a mesma, cadeiras de rodas para impedidos, o primeiro coche a motor, etc...; ou a celebración das Vodas de Ouro o ano 1983, con actuacións musicais, exposicións artísticas, espectáculos deportivos de alto nivel ou a actuación por vez primeira na nosa vila do prestixoso Ballet Galego de Rei de Viana.
Pero Foz segue en débeda co matrimonio Martinez- Otero: os bustos ou grupo escultórico dos que falaba Salgado Tomil, e tamén nun pleno do concello por aquelas datas, debe ser un obxetivo a cumplir xa, pois pensamos que é este, na celebración das Vodas de Platino do Asilo, o momento idóneo. Hoxe as circunstancias son outras, a economía das institucións e da sociedade en xeral nada ten que ver con tempos pasados, e o sentimento de gratitude hacia os benefactores non pode decaer, senon todo o contrario, porque son moitas as xeracións de focegos e focegas que dende entón, no decorrer de tantos anos recibiron os beneficios da vontade daquela parella, e cantas están a ser, e en adiante serán tamén, beneficiarias/os. E a obra escultórica, emplazada en lugar céntrico da vila, servirá de recordatorio permanente do que sen dúbida foi o acontecemento mais transcendental da historia do noso pobo: o legado dos Martínez- Otero, sempre vixente, e que as novas xeracións, as actuais e as vindeiras, teñan constante referencia e coñecemento deste fito histórico, de incalculables beneficios asistenciais, sociais, culturais e mesmo económicos para o noso pobo.
Agora mesmo barállase a posibilidade de construir un xeriátrico, precisamente en terreos que aquela parella doou ó pobo de Foz: os efectos da súa filantropía non teñen límite, e ésta soa aportación, que é unha insignificancia na magnitude do patrimonio legado ós focenses polo matrimonio, sería mais que suficiente para amosar a gratitude de todo un pobo cando menos na forma en que reclamamos.
Esperamos que a Corporación Municipal, que por razóns obvias non pode ser allea a tal recoñecemento, pois como a maioría dos focegos das últimas décadas nas súas persoas e nas dos seus devanceiros, foron e son nos seus descendentes beneficiarios de tan importante legado, tome o acordo oportuno para, en medida tan modesta ante a importancia da doazón, faga que, en permanente homenaxe, non esmoreza o recordo de tan singulares, por irrepetibles, filántropos da nosa tribo.
De non facerse así acabará borrándose da memoria popular a existencia de tan excepcionais valedores, consumándose a ingratitude colectiva, que nunca é precisamente a mais digna nin a mais honrosa sinal de identidade dun pobo.

Fernández, Suso