22 nenos e unha parede
							Xiz, Xulio - viernes, 06 de junio de 2008
							  Foi o último martes de maio, arredor da unha da tarde, cando unha parede do Insua Bermúdez víñase abaixo por mor das obras dunha escaleira que se estaba facendo nas inmediacións. Daba á clase dos máis pequenos, nenos de catro anos. 
Se o accidente pode calificarse de fortuito e producirse nun momento determinado, hai que recurrir á providencia, á boa sorte ou a calquera elemento intanxible  favorable ó ser humano, que fixo que naquel momento a profesora estivera organizando un aperitivo para os nenos e estes estaban concentrados na parte contraria á que sufríu o derrubamento. 
Por ter nenos pequenos na casa, non quero pensar o sentimento dos pais e nais que souberon do accidente, e por coñecer a Constantino, o Director, e outros membros do colexio, non quero pensar o que sufriron estes días con este imprevisible acontecemento que veu rachar a paz escolar, e puido ocasionar unha traxedia. 
En temas de obras sempre hai imponderables, pero cando polo medio hai un colexio e moitos nenos, hai que ter un coidado especial. 
Cada quen parece ter a súa razón: O Alcalde de Vilalba ó protestar porque a obra resulte problemática e se efectúe coincidindo co curso escolar; a consellería de Educación por considerar que unha obra que vai durar seis meses ten que coincidir en algún momento coas clases; os pais esixindo que a seguridade prevaleza por riba de calquera outra consideración, e condicionando a volta dos nenos ó colexio a que non coincidan as clases coas obras. 
Que esa é outra. Cando unha obra é urxente, planifícase en turnos e pódese traballar día e noite de xeito que o tempo de interrupcións da vida normal sexa o mínimo. E cando como neste caso é un colexio, o lóxico é realizar os traballos en calquera momento fora do horario escolar. 
E postos a falar de sectores afectados, quedan os técnicos, os que planifican e desenvolven unha obra, controlando en todo momento a marcha dos traballos de xeito que non provoquen ningún contratempo. 
Porque á vista está que foi un problema técnico; algo non respondeu do xeito que se esperaba; algo non resistíu tanto como se agardaba; algún elemento da obra non se comportou como estaba previsto. 
A resultas de todo esto, as obras paralízanse ata que non molesten, os nenos volven á clase, e é momento de felicitarse todos porque non pasou nada. Nesta ocasión non pasou nada. 
Pero os informativos de todas as radios, as páxinas de todos os xornáis, as pantallas das televisións e as de Internet, están a cotío ateigadas de accidentes nos que non houbo tanta sorte. 
É seguro que en Vilalba non se volverá caer no que non se sabe se foi erro, imprevisión ou cálculo equivocado, porque acontecementos coma este fan agudizar a atención dos responsables. 
Compre o respecto absoluto ás medidas de seguridade, que moitas veces nos parecen superfluas, e para algo están. E potenciar a inspección, vixianza, servizos técnicos, sendo todos rigorosos no cumprimento de canto está establecido porque en temas de seguridade nunca será moito o esforzo que se aplique. 
Felicitémonos, porque non pasou nada, aínda que os corazóns desen un salto no peito. E atención extrema desde agora a todo o que poida incidir na nosa vida cotiá, e especialmente na dos nosos nenos.
							
							
 
							Xiz, Xulio
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora