Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A verdade do sangue

miércoles, 10 de marzo de 2021
Unha boa amiga recoméndame a lectura de Mala sangre, a novela de Helena Tur que vén de publicar Plaza & Janés. Achégome a ela curioso e descubro unha intensa historia de intriga e amor no XIX berciano, cóctel de mesturado, non axitado, que cómpre tratar con moita man.

Avanzo na narración e bato con Henar, unha moza orfa ao Jane Eyre, criada nun hospicio de monxas e que, logo do falecemento dunha abastada señora cega á que coidaba, ten que regresar ao hospicio, onde lle ofrecen a posibilidade de ir vivir cunha familia de apicultores e gandeiros bercianos. Decidida e afouta, acepta a proposta e marcha ata Villaverde de la Abadía, nas inmediacións de Ponferrada, onde vivirá cos Hurtado: o odioso Lucio (cruel pai de familia, execrable maltratador), Baia (admirable nai coraxe) e Lúa (fráxil filla xordomuda que coidará Henar e coa que establecerá unha estreita relación de afectos protectores).

Velaí o contexto no que irrompe a intriga da novela, que non é outra que a aparición dos cadáveres de varias rapazas da contorna co que hoxe chamariamos unha firma do asasino: un corte no pescozo e un corpo exsangüe. Á procura do culpable de tales atrocidades dedicará Henar todo o tempo que non lle rouba Juan, un mozo da localidade que sobrevive rapinando co que manterá unha romántica historia de amor.

Pero Mala sangre, no ronsel dunha Jane Austen ou unha Charlotte Brönte, é aínda moito máis que intriga e romanticisimo. Achéganos un retrato transversal da España de mediados do XIX, coas acendidas loitas entre isabelinos e carlistas e os republicanos tratando de afirmase. Do mesmo xeito, é tamén un documento, ficcional mais verosímil, sobre o papel da muller naquel tempo, a estrita sociedade de clases, a necesidade da educación, a dureza da vida rural ou a riqueza do lendario popular.

Capítulo á parte merece o tratamento dado por Tur ao escenario no que transcorren os feitos: o Bierzo que se nos describe é, en si mesmo, outro personaxe principal da novela. A impresionante presenza das Medulas, do Val do Silencio, das mil augas converxentes no Sil, de todos eses bosques e camiños e vilas e lugares cheos de contrabandistas, comerciantes ambulantes, garda civís, témeras sombras como as de Manuel Blanco Romasanta (o lobishome de Allariz), cregos e orfos compoñen un palpitante vitral no que gurgullan as máis arrebatadas paixóns e tamén as máis virulentas pulsións, que fan que o sangue manantío escoe incontrolable, apenas acougado pola tenrura e a solidariedade que a propia Henar é que de proxectar na sororidade con Lúa, nos aloumiños a Juan ou na súa intelixente e esperanzada visión doutro mundo máis igualitario e, sobre todo, menos violento.

Fico en débeda coa miña amiga, que tan ben coñece as miñas afeccións lectoras. A súa recomendación de Mala sangre de Helena Tur tróuxome horas de grato lecer, mergullado nun relato que é unha viaxe ao corazón dun tempo e dun lugar cheo de segredos temibles, sorprendentes intrigas e hipnóticos afectos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES