Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta a unha lectora

jueves, 04 de marzo de 2021
Co agradecemento a todos os citados,
sen recoller as súas palabras exactas.

Os libros son para valentes, dixérao Pedro Feijoo, nun texto co que agasallou as bibliotecas escolares polo Día do Libro do ano 2016. El contaba que as historias poden arrastrarnos dentro dunha treboada, facernos chorar ante unha vida que se apaga, facernos rir ata desencaixarnos a mandíbula, arrebatarnos, cambiarnos a vida. Por iso, ler é de valentes. Xente arriscada, disposta a emprender viaxes das que non sabe cando nin como volverá, nin convertida en que.

El comparábao coa valentía que supón descubrir o amor que nos corresponde a cada unha de nós e non deixalo escapar. Para cada un de nós hai un amor que nos cambiará a vida, que lle dará sentido á nosa existencia e debemos estar dispostos a ser valentes, a dar un paso adiante e falarlle. E remataba dicindo que "para cada un de nós hai un libro que nos explicará como é que funciona isto de vivir, como se sae adiante, como se avanza. Para cada un hai un libro, ou dez ou mil. Outra cousa é que esteamos dispostos a abrilos. Que me dicides, valentes, atrevédesvos?"

A min gústame compararte, lectora, con Ulises nesa viaxe que é unha odisea, moito máis que a Ilíada, na que se narra unha guerra.

O traxecto da volta, esa odisea de buscar a casa propia, o país, a familia, a identidade, despois da dor por todas as perdas. Volver coa fronte murcha, coas neves do tempo prateando as tempas, sentir que é un sopro a vida... cantaba Gardel repetindo séculos máis tarde, o que nos contara Homero.

Así se move a cultura, nun ir e vir polos mitos, que están aí, dende o principio dos tempos.

Lectora, eu véxote coma a Ulises, buscando Ítaca e pedindo (en silencio, na inconsciencia) que o camiño sexa longo, pleno de aventuras, cheo de experiencias, porque non temes os xigantes nin os ciclopes, nin o colérico Poseidón… Pides que o traxecto sexa longo, que sexan moitas as mañás de verán en que chegues a portos nunca antes vistos, para facerte con fermosas mercancías; pides ir ás cidades aprender dos seus sabios e sabias. Non te apresuras, Ítaca é o destino, pero non apuras a viaxe; mellor que dure moitos anos e atraques de vella na illa, enriquecida de todo canto ganaches no percorrido, sen agardar a que Ítaca te enriqueza pois ela brindouche a fermosa viaxe, sen ela non terías comezado ese camiño e agora xa sabes o que significan as Ítacas. Si, dicíao Kavafis, cantábao Luís Llach, e o mundo parábase para sentir os versos.

Era daquela cando ti, lectora, poñías a gorra de capitá, un pano envolvéndote e emprendías o regreso á esencia, á semente.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES