Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Corruptos incomprendidos

jueves, 04 de marzo de 2021
Permiso, licenza, patente, son palabras con significados parellos, mesmo ás veces entrecruzados. Palabras que se confunden moitas veces, empregándoas como sinónimas en sentido no que non deberan selo e contaxiando os actos cos que se relacionan. Deixo abaixo algunha das acepcións destas verbas, extraídas do dicionario da Real Academia Galega.

Comezo por patente, a que parece máis arcaica, a menos usada, a que pode traer á cabeza as 'patentes de corso' concedidas polos reis para facer de corsario, para atracar ós non protexidos polo propio rei:

"Documento no que se acredita un dereito, un privilexio ou un permiso para exercer unha actividade."

Dereito, privilexio ou permiso. É abondo diferente en substancia unha patente dun invento a unha patente de corso, pero ambas implican un dereito a desfrutar de privilexios. Imos pola segunda, por licenza:

"Declaración oficial pola que alguén expresa o seu consentimento para que se poida realizar algo determinado e previamente establecido."

Pero tamén, noutras acepcións: "Liberdade que se dá a alguén ou que un toma para facer certa cousa." ou "Abuso de liberdade con que alguén actúa e que pode prexudicar a outros ou atentar contra a moral." É dicir, mentres que representa algo oficial regulado, tamén pode representar unha liberdade extra ou un abuso de liberdade.

Permiso parece máis clara, máis usada na actualidade:

"Declaración feita por alguén con autoridade pola que permite que outro faga certa cousa."

Resulta que parece igual á definición primeira que copiei de 'licenza'. Mais neste caso, non é unha declaración oficial, senón declaración a secas. E non é para algo 'previamente establecido', senón para 'certa cousa'. Vale, que as definicións poden retrucarse, e se vamos ó DLE veremos outras definicións. Pero o sentido final, nas tres palabras, na outra lingua oficial en Galicia, é -esta vez si- semellante.

Hoxe concédense licenzas de actividade, de obras... mais cada vez saltan á vista máis 'permisos' dalgunhas autoridades que non se cinxen ó 'previamente establecido' e que son en realidade patentes para abusos. Unha boa porcentaxe delas son para abusos persoais 'de baixa intensidade': non se abusa de ninguén en particular, senón de todos e do patrimonio común. E así, ó diluír os efectos, conséguese que a xente non proteste ('total, por iso... non paga a pena') e tolérase a situación, normalizándose pouco a pouco estados de priviliexios legais ou económicos e de asimetría social. Facendo a sociedade cada vez máis ríxida para algúns e máis libre para outros. Implicando que os intereses de cada parte cada vez coincidan menos e que aumente a apatía polo común.

A cousa vai dende comentarios de criterios e condicións convenientes nas cláusulas e fóra das cláusulas para autorizacións ou licitacións a leis á medida, introducindo cambios cantas veces sexa necesario para lograr o obxectivo, pasando polo outorgamento de licenzas a amigos para aproveitar(se) un ben común, unha infraestrutura... A cousa ten un nome xenérico, aplicable en diversos graos: corrupción. E non me estraña que ás veces quen ten poder confunda as cousas e se exculpe a si mesmo de facer nada malo: quen non vai favorecer un compiyogui para que poda estar máis tranquilo? Que mal ten que quen controla de regulacións porque fixo que se aprobaran poda axudar ás empresas reguladas? Que se lle ha pedir a quen, advertido de que o andan investigando, regula a súa situación fiscal sen castigo? E así sucesivamente. Algúns dos que mandan son só corruptos incomprendidos.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES