Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Múnic 2021

martes, 02 de marzo de 2021
Dende 1963, a Conferencia de Seguridade de Múnic instituíuse como un referente do debate sobre as políticas de seguridade internacional. A "comunidade internacional", é dicir, basicamente figuras de primeiro nivel do mundo occidental, ven indagando neste foro sobre os desafíos presentes e futuros no eido da seguridade. Como dixo con Múnic 2021rotundidade o seu actual presidente, Wolfgang Ischinger, é un evento "estadounidense e europeo" que permite tomar o pulso á súa axenda.

Por primeira vez, un presidente estadounidense en exercicio, Joe Biden, participou na conferencia, esta vez vía telemática, reducida a un día e centrada nas relacións transatlánticas. Esa participación viña precedida dun encontro previo cos xefes da diplomacia de Alemaña, Francia e Reino Unido que debía abrir camiño ao anuncio do relanzamento destes lazos trala erosión padecida durante o mandato de Donald Trump.

Biden quixo converter o retorno da cooperación con Europa no eixe do seu primeiro gran discurso internacional proclamando a volta dos EUA e do seu compromiso total coa OTAN. Non obstante, o realmente significativo do encontro foi a friaxe na recepción deste discurso, evidencia quizais dunha quebra irreparable no consenso estratéxico occidental, en boa medida roto polas diferentes posicións defendidas por Washington e Bruxelas a propósito de asuntos como Irán, Rusia ou China. Por tanto, a conferencia, lonxe de escenificar o reencontro, deixou abertos máis interrogantes e expostos os contornos dunha crise de incerto final.

O vínculo transatlántico foi un dos piares da orde da posguerra e contribuíu de forma evidente a garantir a hexemonía global estadounidense. O errático mandato de Donald Trump supuxo unha fenda deste principio que afastou a UE dos EUA. ¿Pódese recompoñer? Para lograr a complicidade europea, Washington basea a súa estratexia na esaxeración da ameaza, xa se fale das prácticas comerciais, o poder nuclear, o proselitismo sistémico, etc., de forma que a China ven supoñer o "maior perigo" para a supervivencia da orde liberal mundial. No fondo, o mesmo discurso de Trump. Sempre funcionou. Lembremos as "armas de destrución masiva" de Sadam Husein.

A UE ten diferenzas coa China. No entanto, aínda recoñecéndoas, nos últimos tempos apostou claramente por fortalecer o diálogo e a cooperación omnidireccionais e por defender o multilateralismo para facer fronte aos desafíos globais que, ao seu xuízo, deben pasar a primeiro plano.

Que elementos debemos considerar? Primeiro, o ascenso global da China e o declive relativo dos EUA está xerando cambios fundamentais na balanza internacional de poder, o que cuestiona a viabilidade dunha coalición global anti-China liderada polos Estados Unidos. Segundo, a Unión Europea ten os seus propios intereses e estratexias ao tratar os asuntos internacionais. Terceiro, a influencia dos Estados Unidos en Europa xa non é tan forte como antes. Cuarto, a importancia da axenda global esixe sen demora un esforzo cooperativo en asuntos clave.

A historia non se pode rebobinar. No actual contexto, cando imperativos como a saúde global ou o cambio climático chaman ás portas dos líderes mundiais para achar soluciones cooperativas e compartidas, non se está a forzar a esaxeración da ameaza. Xa que logo, pensar en reeditar unha nova guerra fría baseada no rexurdir de criterios do pasado equivale a ignorar os grandes retos que encara a humanidade neste século e que constitúen a maior de todas as urxencias.

En 2020, a China desprazou aos Estados Unidos como principal socio comercial da UE e o acordo de investimentos sino-europeo pode reforzar aínda máis os lazos económicos entre ambas partes. A pesares dos seus problemas, a China é o mercado máis prometedor do mundo. A UE pode crecer en China cunha perspectiva que os EUA non poden ofrecerlle. De acordo cun informe publicado pola UE, os investimentos europeos na China superan os 140.000 millóns de euros. Espérase que estas cifras aumenten considerablemente nos próximos anos. Tamén por parte da China na UE. Para moitos, Eurasia é o futuro.

Os EUA van por detrás, senón noutra dirección, neste empeño. Atendendo a esa lóxica, tamén os EUA deberan superar os impulsos proteccionistas como sempre impuxeron aos demais para abrir paso ás súas multinacionais. É dicir, poñer coto ás barreiras arancelarias e doutro tipo ao comercio, investimento, capital ou tecnoloxía que afectan aos seus propios aliados. Ou arranxar o proceso de resolución de disputas da OMC, hoxe roto polo seu bloqueo. Nestes asuntos, a UE está máis perto da China que dos EUA.

Esta UE, como acontece aos países de Asia e doutros continentes, non quere ter que elixir entre os EUA ou a China, senón que quere traballar cos dous. O sistema político ou de valores indubidablemente sitúan á UE máis preto dos EUA pero iso non ten porque ser un obstáculo para relacionarse coa China.

A UE debe evitar caer na “trampa da hexemonía”. O que se pretende dende Washington ao erixirse como protector da orde mundial liberal é, substancialmente, preservar a súa posición privilexiada na orde internacional. Se a orde liberal está en perigo non é porque China ameácea con propósito mesiánico senón porque ten dificultades existenciais para responder aos grandes desafíos internos e globais con capacidade autocrítica e propósito de emenda.

China é un xigante económico e comercial pero tamén un actor central no escenario político global actual. Este é un feito dificilmente reversible e tanto a UE como os EUA deberan partir deste recoñecemento para adoptar un enfoque construtivo na súa relación.

A UE pode facer un importante aporte á transición pacífica cara a unha orde internacional multipolar que faga oco e acomode a China, eludindo os riscos dunha crise maior que podería desatarse de optar por unha política de confrontación dura. Nese sentido, a UE debe saír da súa zona de confort, onde se atopa dende os anos 50, para facer valer unha autonomía sustentada naquela visión das relacións internacionais que forma parte tradicional do que sempre se quixo vender como expresión do acervo comunitario, apostando polo diálogo e a cooperación para resolver as diferenzas.

Tanto Macron como Merkel evidenciaron coincidencias importantes nese enfoque ditado polos respectivos intereses comunitarios e nacionais (dende o proxecto Nord Stream 2 á tecnoloxía 5G), dando a entender que a defensa dunha identidade específica europea estará presente de forma autónoma na definición dos vectores da construción do novo sistema mundial. Para a UE, a lección das vacinas é rotunda: o seguidismo transatlántico deixouna totalmente ao pairo e fóra de xogo.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES