Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O seu aquel

lunes, 01 de marzo de 2021
O seu aquel Isto xa é outra cousa. A nova situación da pandemia para a maioría dos concellos galegos, e hoxe por hoxe, é case como volver á normalidade. O case ese é o que aínda nos amola un pouco. Pero xa non nos queixamos tanto. Agora xa se pode saír. Antes si que saía tamén, collía o pan e o periódico e, ale, volta para a casa coma se fora un fuxitivo. Agora, saio, detéñome nun bar, pido un café, abro o periódico e... gloria bendita! Por esta vez recoñezo que se me puxo bastante costa arriba o de non seguir ese ritual. Para min, ese case que falta para cumprir a normalidade, sería a de eliminar as mascariñas ou bozos ou carantoñas e ampliar os horarios dos bares; tan só polo fútbol, non por outra cousa. Si, xa sei que para os hostaleiros segue sendo unha crucifixión. E oxalá poidan volver á normalidade máis absoluta. Que esta penso que vai depender moito de nós mesmos. Se nos portamos ben intúo que non haberá outro pechamento. Pero, claro, o de portarse ben... Iso xa ten o seu aquel.

Como o seu aquel teñen algunhas normas forestais da Xunta de Galicia. Hai anos impulsaron o das plantacións de eucaliptos e agora queren suspender temporalmente as mesmas. É dicir, que sempre andaron, andan e andarán como galo sen cabeza. Como en todo. Primeiro acórdase unha cousa e logo a outra. Subvencións para as explotacións leiteiras. Subvencións para o abandono do leite. E así tantas e tantas. Agora o que queren é poñer en marcha un plan de impulso do piñeiro. Si, e que os poñan ás beiras mesmo das estradas para que, en poucos anos, as súas raíces rebenten o asfalto. Almas cándidas, se o piñeiro nin tan sequera dá sombra! Se impulsaran as árbores autóctonas... Por exemplo, o castiñeiro, un bo castiñeiro dá madeira e castañas, dura a tira de anos e máis, e tan só algunha galla deles xa vale máis que un piñeiro enteiro. E temos o carballo. E temos a nogueira, que tamén dá noces. O piñeiro, repito, nin sombra.

Quen si lle fai sombra ó alcalde de Ourense é o chachachá. Seica culpa da investigación que lle está a facer a Fiscalía ós seus policías e ós seus funcionarios. Os pobres funcionarios páganas todas. Estes, que sempre son os que reciben as ordes, acaban levando tamén as labazadas. Como foi sempre. Mais nós, como non cremos na súa culpabilidade, e o Jácome tampouco quere crer na del, pois o dito: a culpa é do chachachá.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES