
Con xuño entramos no ecuador do ano. Días longos, que xa o eran antes da moda dos cambios de hora: "Polo San Xoán as nove con día dan". Días de luz, de calor, de festas e romaxes como a do Corpiño, en terras do Deza, disque unha das máis antigas de Galicia. Tamén tempo de curros, ou rapas das bestas, convertidas en festa: A Capelada, Mougás...
Polos primeiros do mes é o Corpus Christi, corpo de Deus. Celébrase ampliamente en moitas vilas do país: alfombras florais en Ponteareas; solta do boi en Allariz; danza de espadas, baile das penlas e coca en Redondela. Rito milenario e tradición, o da coca, que somente perdura na vila dos viaductos, en Monçao na outra beira do Miñoe no Tarascón francés, ficando en Betanzos unha pálida lembranza.
Despois do Corpus ven a "Octava da Ribeira", a segunda festa betanceira en importancia, logo das patronais. Festa de barrio con vellos recendos mariñeiros, oficialmente denominada pola igrexa como "Infraoctava do Corpus". O trece é o Santo Antonio lisboeta ou de Padua, avogoso de mociñas casadeiras e chamado polo pobo "o mentirán" en oposición ao "verdadeiro" do 17 de xaneiro.
O solsticio de verán coincide co San Xoán:
Madrugada de San Xoán,
Madrugada a máis garrida,
Que baila o sol cando nace
E ri cando morre o día.
Mañá tamén aludida por Aquilino Iglesia Alvariño nun poema:
Era un mencer de San Xoán.
Bañábase tras dos pinos,
Coma unha ninfa, a mañá.
É a entrada do verán, da que Pimentel, sempre axexante na súa muralla luguesa, levantou acta poética:
Os brancos cabalos do estío
Polas portas en sombra
Das nosas murallas entran.
O San Xoán festéxase en moitísimas parroquias galegas e en vilas coma Carballo e Sarria. A importancia do día é tal que mesmo lle dá nome popular ao mes. A da véspera é noite meiga, de milagres e encantos. Ritos de augas e de herbas, de sortes e prácticas adiviñatorias. Fanse lumeiradas purificadoras, báilase en roda e sálvase o lume antes de morrer de todo, ao tempo de berrar a invocación: "Sálvote lume de San Xoán, que non me trae cadela nin can". Aprovéitanse as brasas para as sardiñadas, pois "polo San Xoán a sardiña pinga no pan"
E despois do San Xoán ven o San Pedro, que xa di o dito: "De San Xoán a San Pedro, cindo días van no medio". Na noite de San Pedro revívese o rescoldo do lume e o cheiro da sardiña.
É festa en Miño, Muros, Melide... San Pedro comparte día con San Pablo, mais é o verdadeiro protagonista. O pescador, apóstolo e, como din os contos populares, "compañeiro do Noso Señor cando andaba polo mundo", é un dos que máis parroquias patrocina polo país galego, quizais por ter as chaves do ceo.
Malo se chove neste tempo, que "a auga de San Xoán, leva o viño e non dá pan". E sen pan aínda pasamos, pero sen viño...