Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis Gelassenheit...!

viernes, 26 de febrero de 2021
Apresúrome a traducir o termo alemán "Gelassenheit" (pronunciado, sen transcrición fonética adecuada, "guelasenjait"), "serenidade", "sosego", "acougo", "paciencia"… Veremos ao que mellor se axusta o contido deste artigo, no que vou utilizar algúns termos de Heidegger, especialmente en función suxestiva máis que en denotación estritamente heideggeriana. Non é unha clase de existencialismo (Deus me libre de meterme nesa danza, aínda que me desculparan a ousadía). Pero…¿acaso non se lles ocorreu facer unha reflexión acerca da necesidade de moita máis serenidade e sosego neste tempo, polas importantes esixencias da pandemia?. Pois vamos aló… Creo que non está de mais resaltar como está respondendo a sociedade en xeral á pandemia do Covid-19, e aventurar algunha razón do por qué de certos comportamentos.

Sen ningún esforzo filosófico, calquera lector entende moi ben que para pensar é mester un pouco de sosego, e se nunca caeron nisto (como se di coloquialmente), non se culpen, porque estamos nuns tempiños nos que todos temos en grao elevado a inopia de pensar; máis ben nos entregamos á impersonalidade do que SE DI, SE COMÉNTA, ao que lle abrimos o cancelo do noso entendemento como se fóramos chousos del, onde todo vale; pero, por outra parte, non son tan abundantes as colleitas intelectuais para que cadaquén renuncie a facer achegas do que as súas capacidades lle permiten, que non é o mesmo que crerse sempre en posesión da verdade e tratar de impoñela.

Os que estamos vacinados temos que escoitar estrañas e contraditorias opinións, é dicir, o que se di e se comenta, incluso por persoas de certa formación. Pero cunha pouca de máis paciencia talvez decidíramos, se non compartir os compadreos políticos e mercantilistas, seguramente respectar o esforzo intelectual dos investigadores entregados a un traballo tan arduo e esgotador, e moito menos pagados, proporcionalmente, que aqueles que saen ao público frecuentando o atril para informarnos do moito que saben de todo, aínda que non se decataron que das vacinas só se deron confusas e indocumentadas informacións. E o das máscaras faciais, sen dúbida necesarias, encaixan nun xogo ás toas os comentarios cotiáns.

Xustamente por isto, hai que ter PRECAUCIÓN, e tamén segundo Heidegger, coidado, SORGE, non só das cousas e con elas, senón DE SI MESMO. E isto non lle impide ao home/á muller vivir en total apertura cara ao mundo, porque estamos nel; máis aínda, como diría o filósofo citado, encontrámonos BOTADOS ao mundo, porque ninguén nos preguntou se queríamos nacer, vir á existencia, acadar a categoría de DASEIN, de estar aí con presenza no mesmo. E ollo!, señores/as, isto comporta que estamos compelidos A EXISTIR, A SOPORTAR A NOSA EXISTENCIA nas circunstancias que nos corresponderon, e por iso tampouco é estraño que levemos connosco o selo da ANGUSTIA , porque non eliximos este destino que nos aflixe. Somos desta maneira e temos que aceptalo, porque a liberdade non cobre este flanco e non podemos elixir.

Pois ben; como estamos obrigados a soportar a nosa existencia – e debemos soportala sen arroutadas cando as adversidades nos axexan – parece correcto facelo desde un adecuado coñecemento de nosoutros mesmos, xa que, cando se vive en tempos nos que importa moito menos o que somos e debemos ser que o que nos suxire a impersonalidade do que SE DI, o que estamos sendo comprométenos a interpretar, máis ben, o cumprimento do papel social máis lucido e fantasioso, en detrimento do que deberíamos realizar socialmente en consonancia coas esixencias reais da configuración da nosa personalidade.

Así, as diversas versións dos efectos das vacinas anti–Covid-19 non son unha resposta as esixencias sanitarias DESTA PANDEMIA, senón as propias dunha sociedade que converte os instrumentos en substitutos do pensamento, e por iso, como din os entendidos nesta materia, fai que o home se interese moito máis polos obxectos técnicos que por esa necesidade de pensar con calma como nos inflúen, e ata que punto son complementadas as nosas capacidades, que se afirman potenciadas pola mesma técnica, por outra parte absolutamente necesaria en función complementaria, nunca substitutiva.

O home, sobre todo cando se entrega a depositar na técnica toda a esperanza, sen pensalo ben, non pode evitar as sorpresas das desvantaxes da mesma, posto que non aplica o seu pensamento a considerar que NIN TODO O TÉCNICAMENTE POSIBLE IMPLICA A SÚA CONVENIENCIA, NIN EL DEBE APOIAR AS SÚAS ESPERANZAS EXCLUSIVAMENTE EN PIARES TÉCNICOS. Sen dúbida, unha extrema confianza pode levar a unha profunda e magoante decepción como está ocorrendo coa pandemia que estamos padecendo: Tíñamos a convicción de que, nun caso así, os científicos, coa técnica que teñen nas súas mans, axiña resolverían o problema. Pero eles sabían moi ben que as cousas non ían só por ese camiño, por iso xa insinuaban que se necesitaba tempo. E resulta un paradoxo que quen mellor coñece isto, os investigadores, estaba concedéndolle ao home un papel fundamental, algo que non ocorre coas xentes que somos ignorantes, convertidas en escravas da técnica, e logo despachámonos farfallando parvadas, baixo os efectos angustiosos de que o mellor remedio, polo menos mentres non se evidencia a eficacia da vacina, élles o illamento e o ar puro das corredoiras, COMO FACÍAN OS NOSOS DEVANCEIROS, sen amorearse excesivamente.

E…, algo máis, por se procede que acougue un pouco o barullo. Creo que as entidades e persoas que descoñecen as súas obrigas pedagóxicas, tamén teñen aquí un lugar no campo desta modesta opinión crítica, e se non, reflexionen en sosego: Gústenos, ou non, sabido é que, na actualidade, na nosa mesma autonomía, como no resto de España, hai moita xentiña pasándoo moi mal, porque carece do necesario para vivir modestamente, por iso a mesma televisión lles prodiga suficiente propaganda de carácter gastronómico, con exhibición reiterada de apetitosos pratos; aos que teñen dificultades para conter o seu temperamento violento, obsequios, mediante a propaganda dunha serie, coa insistencia de spots de tiros e actitudes violentas, e aos que lles costa un esforzo renunciar á celebración de banquetes e comidas con concorrencia de comensais, ofrécelles estimulantes exemplos de ocasións pasadas, para enriquecerlles os recordos de aqueles momentos deliciosos. Isto ten fondo; pero eu limítome aquí a expresar unha opinión, sen atreverme a ir máis aló nunha materia que descoñezo abondo, só que no me parece un bo recurso pedagóxico para estes tempos as reiteracións que se están facendo dela. Talvez falla o asesoramento de expertos en psicoloxía social!.

Non debería de converterse a tecnoloxía nunha tecnolatría, para non defraudar as esperanzas. Sen dúbida, algúns lectores opinarán que estou estendendo demasiado o manto da crítica en todo isto. Pois ben; obran correctamente en emitir as súas opinións, tamén críticas, que sempre agradecerei. Aínda que nesta liña xa dicía Albert Einstein que "os obxectores e insubmisos son os pioneiros dun mundo sen guerras". Pero tampouco regateo pensar, non obstante, que ninguén dotado dun mínimo de sentido común se atreve a negar as propiedades de excelente e a de insubstituíble da técnica, aínda que os dotados tamén da mesma sensatez non deberían estar dispostos a aceptar un modo absolutamente demente do uso dela, nin a atribución de tantos beneficios que oculten as desvantaxes da mesma, levando, incluso, ás persoas a unha especie de latría. E tampouco ninguén debería ousar negarlles aos necesitados as achegas materiais e o sosego moral precisos, facendo un bo uso da precaución existencial, individual e socialmente.

Pero aínda que as precaucións, os coidados, na situación que estamos vivindo, non resulten inútiles e nos brinden certa protección nos naturais estados angustiosos, é mester a presenza ambiental da Gelassenheit heideggeriana, o acougo do galego, xeralmente perturbado polas diversas dinámicas dunha sociedade que non parece que se senta sensible ás ascuas da insensatez cando se envorcalla irreflexivamente nas inquietudes da convivencia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES