Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Resóns vilalbeses de comezos do século XX

miércoles, 04 de junio de 2008
Nos anos iniciais do século XX, Vilalba, xa daquela capital da Terra Chá, espertou dun longo sono, no que permanecera aletargada dende os escuros séculos da Baixa Idade Media.

Logo de recuperar a súa vitalidade, proseguiu expandíndose polo espazo extramuros seguindo os vieiros das novas estradas de Rábade, Mondoñedo, Ferrol e Meira, abertas previamente ao longo da segunda metade do século XIX.

O incremento da súa poboación, que pasou dos mil cincocentos cincuenta e catro habitantes, en 1900, aos mil novecentos setenta e cinco, en 1910, propiciou a construción dunha nova igrexa parroquial, en substitución do anterior edificio románico, vello e semiderruído. Así mesmo, a desamortización, en 1808, dos seculares hospitais de San Lázaro e Santa Catarina, privou á Vila destas dúas institucións que tantos beneficios prestaran no pasado aos lacerados, pobres e peregrinos. Ao cabo dunha centuria, os vilalbeses decatáronse da necesidade de erguer un novo hospital-asilo. Contaron para isto coas achegas económicas de moitos emigrantes a Ultramar e dos propios habitantes de Vilalba e da súa contorna.

Por aqueles xa afastados anos, chegaron á nosa Vila Alta outros avances decisivos: a luz eléctrica, os muíños movidos por este tipo de enerxía e o teléfono. O alumeado eléctrico, en substitución dos farolillos japoneses, foi posibles grazas ao fornecemento da electricidade xerada no salto hidroeléctrico de Tronceda. A compañía administradora desta central foi a que sacou a subhasta a instalación duns muíños eléctricos en Vilalba -os primeiros que funcionaron aquí movidos por esta forma de enerxía-, resultando adxudicataria unha compañía local, instalándoos nun solar sito a carón das Escolas da Feira (hoxe desafortunado edificio da Casa do Concello). Asemade, por aqueles xa afastados anos, a devandita compañía iniciou a andadura para unir telefonicamente as vilas de Ribadeo, Mondoñedo e a propia de Vilalba.

Doutra banda, a sociedade vilega, en galopante proceso de terciarización, de día en día estratificábase en clases cun alto afán de diferenciación. O notario, o rexistrador da propiedade, o xuíz de primeira instancia, os avogados, os médicos, os propietarios e outros poderosos da localidade fundaron en 1908 o Casino, institución que crearon para distraer o lecer dos novos privilexiados da Vila. Pola súa parte, os mesteirais agrupáronse no Círculo de Artesáns, do que un dos seus presidentes foi o versátil Xosé Novo Pardo.

No eido cultural, Manuel Mato Vizoso, Antón García Hermida e outros escritores menores recolleron o legado de Xosé María Chao Ledo, o patriarca da Escola Literaria de Vilalba, e de Manuel Vázquez de Parga e Somoza, III conde de Pallares. Xosé Enríquez Chanot, dende a súa nativa terra gaditana trouxo a luz e a cor, iniciando a singradura da pintura vilalbesa.

O salón alto do Café Imperial, sito na praza do Castelo, acolleu a partir de 1908 sucesivas sesión cinematográficas traídas á capital da Chaira por Espinar. Outro café, o Español do Farruco, serviu de marco, dende o ano 1909, para a representación de variadas zarzuelas e pezas teatrais. A inadecuación destes dous locais foi, se cadra, a circunstancia que motivou a construción dúas décadas despois do desaparecido Teatro Villalbés.

As inquedanzas doutros vilalbeses daqueles anos movéronos a fundar e erguer novas plataformas de expresión e difusión cultural. Estoume a referir á construción do quiosco da música, á fundación do orfeón Amor á Terra e á institución da Tertulia Villalbesa.

Na primavera de 1908 rematáronse as obras do quiosco da música, ergueito na Alameda seguindo os canons estéticos do Modernismo imperante. Mágoa que teña desaparecido esta singular e valiosa peza -unha máis- da xa pobre paisaxe urbana de Vilalba. De persistir hoxe, aínda poderían ecoar nel os esvaecidos sons das pezas musicais tantas veces interpretadas encol del pola antiga Banda Municipal.

Logo de moitas xuntanzas, que se prolongaron durante case todo o segundo semestre do ano 1909, quedou constituído, por fin, o Orfeón Amor á Terra, con sede no número seis da rúa do Sol, e escollendo como o seu primeiro presidente a Antón García Hermida.

O día 15 de xaneiro de 1809, a daquela revista quincenal El Eco de Villalba deu conta da aparición dunha nova sociedade, a Tertulia Villalbesa, augurándolle grandes éxitos e dándolle asemade os protocolarios parabéns.

Cómpre salientar que, durante estes anos, a instrución escolar experimentou en Vilalba un notable progreso. Ás Escolas da Feira engadíronse unha preceptoría de Gramática, na que tomaron leccións, entre outros, Lois Peña Novo, e un colexio de ensino primario e secundario, o do Sagrado Corazón, rexentado daquela polos profesores: Xulio Buíde, Daniel Villares e Manuel Quintela.

Malia aos intentos de Maura por rexenerar a vida política española (1907-1909), especialmente nos eidos electoral e da administración local, a Vilalba apenas chegaron aqueles novos ventos. Andrés Basanta Olano, alcalde, e Ignacio Cacharón, secretario, seguiron impondo aos habitantes do Municipio as habituais prácticas caciquís.

Neste contexto, trazado soamente nas súa liñas esenciais, viu a luz o día 1 de xaneiro de 1908 o primeiro periódico vilalbés, El Eco de Villalba, cuxa cabeceira declaraba xenericamente a súa intención primordial, “Revista consagrada a la Defensa de los Intereses de Villalba y su Comarca”. Xa no seu número un explicitaba o significado da palabra intereses, entendendo por tales: “nada, ni un pensamiento siquiera tendremos para la política; todo, hasta el último aliento para la religión, para la patria y para este pedazo de tierra que nos vio nacer”.

O primeiro director do mesmo foi Manuel Mato Vizoso. Trala súa morte, acontecida o 9 de febreiro de 1909, tomou o relevo Xosé Novo Pardo, que xa viña exercendo o cargo de administrador. Máis adiante, Manuel Bermúdez pilotou a singradura final desta publicación até a súa desaparición en 1915.

A impresión desta revista, primeiro mensual, logo quincenal e, finalmente de tres números cada mes, realizouse no prelo de Hermenexildo Mancebo, afamado tipógrafo radicado na cidade de Mondoñedo.

Nela inseríronse achegas do propio Mato Vizoso, Chao Ledo, Noriega Varela García Hermida, Antón Nieto, Segundo López Carpintero e doutros correspondentes que as remitiron dende a Charca do Alligal, Cospeito, As Pontes, A Habana ...

Unha sección fixa, chea sempre de curiosidades, foi a consagrada a dar novas dos principais acontecementos producidos durante o período transcorrido entre a publicación dun número e do seguinte. Referíanse aos ecos dea sociedade da época, aos movementos demográficos, aos horarios de trens e da Ferrocarrilana, á evolución dos fondos recadados e das obras de reconstrución do santuario da Nosa Señora de Guadalupe con perpiaños de Román e lousas de Soexo ...

Neste ano 2008 celebramos gozosos o vixésimo quinto aniversario dun xa vello e ao mesmo tempo novo periódico, A Voz de Vilalba. Sirva esta modesta achega para felicitar aos seus promotores e asemade para desexarlle unha longa vida no seu recente formato dixital.
Novo Cazón, José-Luis
Novo Cazón, José-Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES