Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

60 anos de poesía en Guitiriz

jueves, 25 de febrero de 2021
Vimos de celebrar o Día de Rosalía, o seu cumpreanos, e o venres pasado tamén celebramos o do poeta Xosé María Díaz Castro (Os Vilares 1914) e achegámonos ao seu Vilariño natal porque as e os señores da palabra resucitan sempre a través dela, e non só nas convocatorias especiais ou nos días remarcados con cores, cómpre acotío deixarse emocionar e arrequecer polas súas sensacións traspasadas de señardade, froito da humildade da paisaxe creadora do poeta.

E así lembro a primeira visita ao seu berce, cando na Festa das Letras do 1981 preparamos unha dedicatoria especial na revista Xermolos para festexar os vinte anos de Nimbos, e tamén doutro poemario, Para unha terra apremida de Antón Santamarinha Delgado, guitiricense nacido en Melilla, fillo dun militar republicano da familia Santamariña da igrexa vella, castigado pola ditadura. o que os obrigou a exiliarse a Bos Aires, onde foi cofundador das Mocidades Galeguistas.

A súa poesía está na liña socialrealista, a diferencia da máis lírica de Díaz Castro, e así as dúas obras están a cumprir arestora sesenta anos, "coma brasas" que manteñen aceso o zume das súas verbas. Aquela publicación de Xermolos xa partillaba a creación destes dous clásicos con mozas e mozos que estaban a transmitirnos os seus primeiros abrollos literarios.

E así ata hoxe, alongándose nos "afillados de Díaz Castro", na plataforma "A Lus do mundo" do Ies Díaz Castro de Guitiriz, en "A Nova Poesía Guitirica"…, que están a anunciarnos coa súa intuición poética novas ensoñacións dunha realidade liberada pola luz do inxenio estético coma podemos albiscar nas farolas da nosa veciñanza, unha nova primavera a pesares das tebras da pandemia, A tensión dos dous creadores mantense viva porque, coma proclamou o vilarego, "a beleza feriume para sempre".

As artes son tamén un xeito de coñecer e interpretar a vida na súa complexidade e diversidade, tal como estamos lendo e desfrutando en Ninguén morreu de ler poesía das autoras María Lado e Lucía Aldao (editorial Xerais), todo un exercicio de imaxinación para demostrarnos con imaxes moi luminosas que a poesía é un aloumiño, unha ferramenta axeitada para combatir os males desta hora do mundo.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES