Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu son A de SteveTasane traducido por Carlos Acevedo e publicado por Factoría K Narrativa

martes, 23 de febrero de 2021
Eu son A de SteveTasane traducido por Carlos Acevedo e publicado por Factora K Narrativa "Unha novela para rapaces que todos os adultos deberían ler" di a presentación editorial. Unha obra, escrita por alguén marcado por unha infancia pobre e polo abandono do pai (un refuxiado). Polo tanto, o autor sabe do que fala cando novela a historia duns nenos en situación extrema.

Á ferida do pasado engádese a sensibilidade actual porque se di poeta, novelista e activista, e porque ademais nos conta que se ve impelido a escribir a historia despois de ver un vídeo no que dous irmáns celebran a descuberta dunhas faragullas na lama dun campo de refuxiados.

En primeira persoa, un neno de dez anos vainos documentar a súa historia presente, sen mirar cara atrás porque só hai perdas. Aí está, nun campo de refuxiados onde cada un deles leva o nome dunha letra porque son indocumentados. Sen familia, sen obxectos, sen identidade. Os papeis son imprescindibles, por iso o pasaporte pasa a chamarse libro de vida, a comida é escasa e os menores non acompañados andan polo campamento buscándose a vida, coidando uns dos outros, sempre xuntos porque cando algún queda só... desaparece. Eles sobreviven cos restos dos restos dos restos.

Tres nenos viven xuntos: A con M que coida do O, o seu irmán pequeno, sempre famento. Unha caseta de madeira con moi poucas cousas: unha caixa boca abaixo e sobre ela unha vela, o álbum de fotos de M e O, un cadeado para pechar pola noite unha feble porta... aínda sabendo que se vén o lobo malo pode soprar soprar e a casa caerá. Preto anda R, unha rebelde, moi cabreada co mundo, porque sen papeis non pode irse coa tía que ten unha casa rica nunha fermosa vila.

Hadrián, o voluntario; E, o fillo da cooperante Caridade, que anda de vacacións e tamén asumiu un nome de letra, e o pequeno U que só sabe dicir o seu nome e cantar la la lala.

"A" simboliza a esperanza no medio da ruína, a súa pregunta: "Quen quere xogar?", abre a única evasión posible; xogar é o que teñen que facer os rapaces e el devólveos á infancia cando llo propón. Caridade, simboliza a subsistencia, ela veu tantas veces ao campo que ao final quedou co seu autobús de dous pisos convertido no centro de atención a mulleres e nenos. Os gardas son a burocracia que só obedece aos papeis e ese grupiño de mocidade voluntaria que tentan axudar construíndo o que logo alguén superior destrúe, nun xogo cruel de erguer e derribar.

Escoitaran disparos, bombas no principio do fin, agora repítense cando o campamento se destrúe porque xa era un perigo para a saúde e a integridade dos refuxiados, é polo seu ben –din- porque os gardas son os responsables do seu benestar; todo soa moi irónico. No medio do batifondo perdeuse U pero eles están dispostos a atopalo, non poden perder nada máis.

No medio do destino máis cruel, uns rapaces cóidanse entre eles; os adultos e as familias pertencen a outro mundo, paralelo. Logo, anxos e demos, os primeiros tan inocentes, os segundos seguindo as normas do uniforme.

Haberá a quen lle doia a lectura, haberá a quen lle cheire ou lle dea asco o que comen os personaxes. Haberá quen o pase mal identificándose con esas criaturas abandonadas do destino, correndo riscos que se debuxan entre o misterio. Porque se trata dunha historia triste e lamacenta, tanto coma un campo de refuxiados. Un relato no que se garda o esperanza coma o lume dun misto entre as mans, para que non se apague, porque se a perdemos todo será marrón grisáceo.

A imaxe da cuberta de Adrià Fruitós resúmeo moi ben, o arame de espiños rodea ao rapaz ata entrarlle no cerebro, pero el ten na man un avión de papel a piques de botalo a voar: "Quen quere xogar?" semella preguntar.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES