Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Convertérmonos á alegría

viernes, 19 de febrero de 2021
Hai catro días, o mércores de cinza, empezabamos o tempo da Coresma. É ben sabido que o nome "Coresma" ten que ver cos "corenta" días de xaxún que, segundo os textos do Novo Testamento, pasou Xesús no deserto despois de ser bautizado por Xoán o Bautista. Os entendidos dinnos que o dos "corenta" non hai que entendelo literalmente. É só un número simbólico de "plenitude", que vén significar neste caso algo así como dicir: "Xesús foi tentado sempre". Como tamén sempre somos tentados todos nós.

O relato de Marcos sobre as tentacións de Xesús é moi parco, se o comparamos cos de Lucas ou Mateo. Marcos conténtase con despachar con catro frases (exactamente trinta palabras en grego) as tentacións de Xesús, sen aducir, como fan os outros, moitos máis detalles. Por estes outros evanxelistas sabemos que Xesús foi tentado polo prestixio, polo poder, pola fama e cousas semellantes, para dese modo, segundo lle suxería o mal espírito, instaurar o reino de amor e fraternidade que Deus Pai quería e quere para todos nós.

En calquera caso, é unha constante na vida de Xesús ese seu alternar ou pendular entre, por unha banda, estar consigo mesmo e con Deus Pai e, por outra, a súa intensa relación de amor, fraternidade e contacto con cantos se achegaban a el, para lles comunicar a "boa nova" do Pai.

O tempo de Coresma está máis en relación co primeiro (é dicir, coa soidade consigo mesmo e con Deus): Xesús sabe vivir só (no "deserto", como refire Marcos), aínda que alí estea fondamente confortado pola presenza vivida do seu Pai que sempre está con el; sabe renunciar a moitas cousas que constituían para bastantes do seu tempo (como tamén ocorre no noso tempo) o seu principal desexo e aspiración; sabe ollar con limpeza e abraio cara á natureza ("vivía entre as feras", dinos Marcos), percibindo nela tamén a man do seu Pai creador de todo. Poida que a máis dunha persoa (eu non me exclúo de todo) a pandemia lle puido axudar tamén a iso. Polo demais, a palabra "corentena" que hoxe, debido ó coronavirus, se nos fixo máis familiar (aínda que temida) ten que ver tamén naturalmente con "coresma" e cos "corenta" días.

Xesús viviu de feito toda a súa vida en constante "corentena", en fondo retiro interior e agarimoso co seu pai Deus. E se polas multitudes que se amoreaban arredor del durante o día non o podía facer, tempo tiña aínda de noite para el vivir esta indescritíbel e amorosa relación con el.

Por iso o tempo de Coresma é unha chamada da Igrexa a todos para que saibamos tamén nós, como Xesús, atopar tempo para dialogarmos amorosamente, a través dos acontecementos e das persoas que nos rodean, co Deus Pai que nos quere.

A expresión que utiliza Marcos ó nos dicir que o Espírito "encamiñou" Xesús ó deserto é -tamén segundo os entendidos- unha expresión forte: algo así coma se o Espírito o "empuxase" ou "forzase". Unha expresión, xa que logo, "enérxica e vehemente". Boa falta nos faría a nós deixarnos levar por un espírito así de "forte" para que el nos levase por onde quere.

Mais así como Xesús non consideraba o "deserto" como o seu lugar natural, como o seu hábitat –nisto certamente diferenciábase moito de Xoán Bautista-, así tamén, no noso caso, a nosa soidade con Deus, as nosas renuncias, as nosas penitencias coresmais non deberían ter outro sentido senón o de convertérmonos en instrumentos vivos e operativos no servizo a Deus Pai, confraternizando deste xeito con tódolos seus fillos e fillas, irmás e irmáns nosos. Dinos Marcos que foi despois de Xesús superar as tentacións e de os poderosos deste mundo térenlle pechado a boca a Xoán Bautista encadeándoo no cárcere cando el empezou a anunciar o Reino de Deus, a Boa Nova.

Non son eu, desde logo, partidario de considerar o tempo de Coresma coma un tempo tristeiro, un tempo de non podermos xa pasalo ben coma no Entroido, cando se pode quizais ver algún día na mesa lacón con grelos, para empezar, e despois filloas, orellas ou ricas lambetadas. Dígoo non por isto, senón porque tamén na Igrexa houbo dende hai xa algún tempo cambios na secular liturxia coresmal. Por exemplo, o normal agora é que non se diga xa en ningures no Mércores da Cinza a fórmula máis antiga coa que nos colocaban antes a cinza na cabeza dicíndonos: "Lémbrate de que es po e en po te has converter". A mensaxe é agora moito máis alegre e, desde logo, moito máis cristiá: "Convértete e cre no Evanxeo"; é dicir, convértete á boa, á alegre noticia. Cal é esa boa nova? Pois nada máis e nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, a de que Deus está connosco, de que Deus nos quere coma fillos del que somos e de que calquera persoa que estea ó meu lado (ou lonxe de min) é irmán meu... Xa sabemos que foi por fin un papa (o papa Francisco) o que se atreveu a poñer a "alegría" como centro do evanxeo, da boa e alegre nova.

Por iso, pola miña parte, prefiro empregar a palabra tradicional galega de "Entroido", e non a de "Carnaval", porque "Entroido" ten que ver coa "entrada" na Coresma. Non hai polo tanto un "corte" ou separación entre o Entroido e a Coresma. O Entroido non é máis cá porta aberta, alegre e festeira, cara á alegría que nos trae o evanxeo de Xesús. Por iso a cinza do comezo da Coresma vai acompañada, moi acertadamente, desa nova fórmula, "Convértete e cre no evanxeo", é dicir, cre na "alegre nova" de Xesús.

Claro que para que esta alegría da Coresma sexa como debe ser ten que poder incluír nela a alegría de cantos se senten no mundo discriminados: sen poder dispoñer dos bens que eles precisan e que a outros lles sobran. Porque a mensaxe coresmal "Convértete e cre no Evanxeo" leva consigo tomar conciencia viva e práctica de que, se todos somos fillos de Deus e irmáns de Xesús, ninguén debería ter motivo para me acusar de que non me comporto con el coma un irmán.

Esta é, pois, a fermosa tarefa deste tempo coresmal que acabamos de comezar. Pidámoslle ó Espírito de Deus que nos empuxe, "enerxicamente" como a Xesús, ó "deserto" ou á "corentena" da nosa conversión a Deus Pai e á visión de tódalas persoas como auténticas irmás nosas. Como vedes, neste sentido non tódalas "corentenas" son necesariamente malas...
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES