Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Federico García Lorca en Santiago de Compostela de Henrique Alvarellos

viernes, 19 de febrero de 2021
Federico Garca Lorca en Santiago de Compostela de Henrique Alvarellos Henrique Alvarellos é un deses cidadáns indispensables.

Na solapa deste libro preséntase como como escritor, editor e promotor cultural. Todo é certo: esta obra está escrita e publicada por el baixo o selo familiar Alvarellos, unha empresa que creara o pai no Lugo de 1977 e que agora dirixe el en Compostela.

Promotor cultural tamén, porque parte da súa obra está dirixida á recuperación de feitos e lugares que pon en valor, basta con mirar Santiago, 1909 (a crónica da Exposición Rexional Galega), Os últimos carballos do Banquete de Conxo e Balada ceibe no bosque de Conxo que xiran arredor do bosque onde se celebrou o célebre banquete e que hoxe está recuperado grazas ao empeño deste activista.

Agora preséntanos a crónica das estancias de Lorca en Santiago, documentándoas con precisión matemática para engadir aos traballos anteriores que conforman o seu universo lorquiano: El gran viaje de estudios de García Lorca, a edición facsimilar de Seis poemas galegos e a tradución de Medio pan e un libro (a conferencia de Lorca na inauguración da biblioteca de Fuente Vaqueros).

Nesta entrega, Alvarellos consegue transmitirnos o sentimento do poeta andaluz ante Galicia. Esa forma na que se sente abraiado e hipnotizado ante a fermosura dunha paisaxe, unha cultura e unha lingua tan afastada da súa. O "duende" que atopa na cidade animarao a permanecer nela para poder expresar a emoción que lle inspira. Lorca está impresionado, tamén, pola poesía de Rosalía e pola cidade na que remata un camiño de estrelas.

Na Quintana, á que define como praza – butaca, queda pasmado. Alí, onde tiveran que parar a función da Barraca a noite do 24 de agosto de 1932 cando a Berenguela tocou as once badaladas, declarou: "aquí quixera quedarme a repousar toda a vida". Nunha entrevista que lle fai Lence, en Bos Aires, para El Correo de Galicia, en relación a Santiago, declara que aínda quedan voces lavadas nas pedras milenarias, abrasadas polo sol e pulidas pola auga, dos peregrinos que viñan en busca de saúde física e espiritual; e continúa ""Compostela e a paisaxe galega... Como non han de xurdir poetas cheos de vigor e de tenrura destas formas tan formidables? Á miña chegada a Galicia, elas apoderáronse de min en forma tal, que tamén me sentín poeta da alta herba, da chuvia alta e pausada. Sentinme poeta galego, e unha imperiosa necesidade de facer versos, o seu cantar obrigoume a estudar a Galicia e o seu dialecto ou idioma, para o marabilloso
é igual...”

Recolle Alvarellos diferentes voces que se fan eco da empatía, respecto e amor que Lorca sente polo noso. Moitas delas vannos facer pensar como a de Fernández del Riego que en relación a estes poemas declara "Con este libro, o galego -como sempre na súa historia- non trunfa polo dominio, senón polo encanto. (...) Esta e non outra, é a razón pola que o lírico de Fuente Vaqueros se achegou a demandar o segredo, tenue, florido, da nosa lingua, docemente teimuda, que se empeña en ser inmortal; que se obstina en aparecer, de cando en vez, por entre as físgoas dos séculos, con ollos novos de recén nacida. É a ansia que a oprime, de recuperar en cada actualidade, a grandeza extinguida."

Fole remítenos a unha Compostela chea de poesía e misterio, como xurdida dun soño e o galego como lingua lírica. Filgueira Valverde fala destes versos como unha ofrenda lírica. Blanco Amor achéganos as preguntas do granadino a respecto da lingua "¿por qué tendría que morir esa antigua maravilla?” ou de Pondal "¿Dónde teníais a este poetazo?".

Conclúe Alvarellos que os seis poemas galegos son os versos, no noso idioma, máis reeditados e difundidos do século XX, os únicos versos que Lorca escribiu noutro idioma que no fose o seu, comezan e rematan na cidade de Santiago e polo tanto é o libro compostelán en verso máis difundido polo mundo.

Remata o libro cunha proposta que se esta desenvolvendo nos últimos anos: celebrar o Día de García Lorca en Galicia –na data na que chega aquí por primeira vez, o 25 de outubro-. Desta maneira dáselle continuidade a iniciativas anteriores como a celebración dos 90 anos da visita de Lorca a Lugo, o 80 aniversario da publicación de Seis poemas galegos, os100 anos da visita de Lorca a Santiago, o nomeamento de Lorca como Fillo Adoptivo de Santiago ou a colocación da súa figura fronte ao monumento a Rosalía na alameda.

E si, Alvarellos é un promotor cultural, un home que une a teoría e a práctica, recolle a documentación para que quede fixada pero ao tempo pon en pé iniciativas que sistematicen unha celebración. A súa autenticidade lévao a ter a empresa na rúa Sempre en Galiza e diante do edificio unha camelia branca do ar.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES