Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros, un regalo para toda a vida

viernes, 05 de marzo de 2021
Libros. A patria común. Amigos calados sempre dispostos a agasallar tempo e conversa. Durmidos no estante ou abertos nas mans estrean recordos e sorpresas. Con eles un xamais se equivoca. Un clásico nunca pasa de moda: é medida e modelo. Dickens, Cervantes, Castelao, Dostoievski, Camus, Tolkien, tantos, tantas reclaman o tempo máis valioso. E conquistan toda a atención.

Nestes días de consumo e consumismo, os contadores de historias petan con forza á nosa porta. Abride sen medo, con eles un sempre está a piques de acertar. Os libros devolven en cada páxina o tempo perdido de Proust e os tempos aínda sen explorar que asoman polas pantallas dixitais.

Máis duros e duradeiros que os diamantes. E que os perfumes exquisitamente caros. Ou toda esa parafernalia de reloxos que rouban o tempo ou dos metais que exhibimos nas orellas, nas mans, no colo. Duran máis que os imperios que describen. Regalos para toda a vida dos que te queren e dos que queremos.

Os libros están vivos. Acariñamos neles a pel de papel máis amada e tocamos cos ollos as arañiñas negras das palabras. Olen a novo e a vello. E como o viño bo deixan no nariz matices evocadores ancorados na memoria. E unha música como de cello na xema dos dedos.

Vivos sempre vivos pasan o tempo calados, aínda que naceron para falar e comunicar. Remexen as neuronas coa mesma potencia coa que as hormonas incendian o sexo. Os humores agachados en cada páxina moven as rodas enferruxadas do órgano máis lacazán, o cerebro. Por iso cómpre recordar que un rapaz que le, está salvado.

Cada muller, cada home ten vocación de arquipélago pero naufraga unha e outra vez na Illa do tesouro. Soña soños que viaxan con Gulliver para descubrir con pesimismo a condición humana. Poden vivir Cien años de soledad para decatarse que a vida, máis que labirinto é labra que envolve o propio baleiro, unha xigantesca reviravolta que sempre leva ó punto de partida.

Sen manual de instrucións, os libros son regalos intelixentes e baratos que duran moitas vidas. Recorda Pennac o sagrado dereito de ler o que me peta. Ou de non ler. Ou de reler e saltar polos capítulos cara a diante e cara atrás. Ou mandar á merda o mesmísimo Ulysses de Joyce. Ou non. Mergullarse na triloxía Millennium do sueco Stieg Larsson. Ou ler unha, e outra, e sempre El Quijote sen as noveliñas de bobos xogando a pastores. Todo vale, todo serve, todo aproveita. Todo é posible con Brecht ou con Homero. Con Auster ou Xenofonte. Con Shakespeare ou Neira Vilas.

Libros e lectores. Para todas e todos. Gustos e cores. Casquería ou lírica. Novelóns ou historias da Historia. Esa Hypatia de Gálvez ou Alicia no seu país das marabillas.

Compre un libro. Regale libros. Son un orgasmo e un acto de amor. A patria común. Un agasallo para toda a vida.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES