Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A noite do meu noivado' (2)

viernes, 05 de marzo de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

V

A noite do meu noivado
tódalas estrelas novas
foron petar ao faiado.

A noite do meu ansío
tódalas estrelas novas
afogáronse no río.

No río que viña canso
ca súa lingua de boi
polas veigas do noivado.

-------------------


ÚLTIMA TERCERILLA
"No río que viña canso
coa súa lingua de boi
polas veigas do noivado".

Comeza a estrofa cunha concatenación que serve para xunguir a segunda estrofa coa terceira por medio da repetición, "no río"; mais este río "viña canso" o que non ten nada que ver co Azúmara, nome do río ao lado do que naceu Francisco de Fientosa, porque ese "tenía una gran prisa por llegar al Miño", como nos di o autor nunha poesía da que xa tratamos anteriormente. Este río, vén canso, e nesta canseira tan só podemos xustificala polo río Miño da Ponte de Outeiro, onde Manuel María no poema "Biografía do Miño" (14) dinos:

"Na infinita Terra Chá de lentos ritmos"

referido á lentitude do río despois de ser infante, no convento de Meira, e chegando a Lugo, xa feito un home.
Noutro poema titulado "O silencio do Miño" (15) recórdanos a lenda

"Río Miño, pasa caladiño:
non me despertes, ó meu Neniño"


Incluso na "Derradeira Elexía" (16)
"Este é o Miño canso como o boi ó xugo"

Dicimos logo, que este río é o Miño da Ponte de Outeiro, ao lado do que viviu o poeta unha parte da súa infancia, ollando ese río "que viña canso" "ca sua lingua de boi", formando outra metáfora que nos recorda a Díaz Castro (17) en Nimbos e no poema "Vísperas"

"O río está deitado como o boi remoendo"

Aquí é o río, o que noutra metáfora ultraista e comparado a unha "lingua de boi", facendo alusión a esa lingua alongada e na forma tan parecida a unha lingua de auga escorregando toda ela polo enxoito e neste caso polo río abaixo, atravesando as veigas do noivado. Estas veigas serían as Veigas de Outeiro, que están localizadas á beira do Miño, un pouco máis abaixo de onde Francisco de Fientosa viviu unha parte da súa infancia na Ponte de Outeiro, e das que gardaba un vivo recordo, mesmo puido levar as vacas á Veigadouteiro, que era un abertal ao que acostumaban a levar a pacer as vacas os veciños e onde se xuntaban os rapaces e os vellos da parroquia, ata non hai moito tempo.

NOTAS:
14. MANUEL MARÍA.- O Miño canle de luz e néboa. Espiral Maior. A Coruña.1996. Páx 18.
15. Idem. Páx 49.
16. Idem. Páx 51
17. DÍAZ CASTRO, Xosé María.- Nimbos . Ed Galaxia. Dombate, 3ª edic. Vigo 2006.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES