Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A noite do meu noivado' (1)

viernes, 26 de febrero de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

V

A noite do meu noivado
tódalas estrelas novas
foron petar ao faiado.

A noite do meu ansío
tódalas estrelas novas
afogáronse no río.

No río que viña canso
ca súa lingua de boi
polas veigas do noivado.

O poema está constituído por tres tercerillas, que son estrofas de arte menor porque os versos son octosílabos cuxa rima é: o primeiro rima co terceiro e o segundo queda solto:

a b a : c b c : a d a

A temática está referida a unha noite e aos acontecementos que xurdiron a noite do noivado do poeta.
Nesta composición lírica, chaman a atención do lector as repeticións que conforman unha figura literaria coñecida como paralelismo, que consiste en estruturar unha composición en varios conxuntos seguindo o mesmo esquema. Lógrase coa repetición de estruturas fónicas, sintácticas ou semánticas. Baséase nunha repetición que posúe unha información mínima que se vai ampliando e mellorando en matices segundo se van engarzando os versos.

PRIMEIRA E SEGUNDA TERCERILLA

"A noite do meu noivado
tódalas estrelas novas
foron petar ao faiado.

A noite do meu ansío
tódalas estrelas novas
afogáronse no río".

Nas dúas estrofas hai un hipérbato ou desorde sintáctico e semántico porque o sintagma nominal que funciona como suxeito é "tódalas estrelas novas", que aparece no segundo verso, logo viría o sintagma verbal que funciona como predicado, que está no verso tres, “foron petar ao faiado” na primeira estrofa e "afogáronse no río", na segunda. Para rematar cuns sintagmas preposicionais nos primeiros versos que funcionan como complementos circunstanciais de tempo: "A noite do meu noivado", na primeira e "A noite do meu ansío", a segunda.

Quedaría así:
(S.N.) Suxeito = "tódalas estrelas novas"

(S.V.) Predicado = "foron petar ao faiado"
"afogáronse no río"

(S.P.) Complemento Circunstancial de Tempo = "A noite do meu noivado"
"A noite do meu ansío"

- Os versos segundo e quinto son iguais e conforman un paralelismo perfecto pola repetición exacta dos fonemas que o compoñen: "tódalas estrelas novas"

- Os versos primeiro e cuarto, presentan unha pequena variación en: "noivado" e "ansío"

"A noite do meu noivado"
"A noite do meu ansío"

que dan lugar a un paralelismo por substitución de "noivado" por "ansío"

- Os versos terceiro e sexto, teñen unha repetición ou paralelismo sintáctico debido a que as estruturas son as mesmas:

Verbo + Complemento circunstancial de lugar

"foron petar - ao faiado"
"afogáronse - no río"

Verso moi parecido este último aos de Díaz Castro en Nimbos e na poesía "Como unha espada"

"Ó traverso da escura teadearaña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza fireume para sempre".

Como vemos, o poema está inspirado na lírica medieval galego portuguesa, porque esas repeticións fónicas e morfosintácticas das dúas estrofas danlle ao poema un ritmo e unha beleza que se vai sucedendo segundo se vai ampliando o contido que, ao mesmo tempo, se agrupa en significados xa preexistentes, facendo que o noso cerebro recorde o anterior e, de seguida, incorpore un novo asunto perfectamente empregado para que o ritmo acentual vaia caendo nos lugares que teñen que recibir esa importancia ou esa carga acentual, como se o autor estivese xogando coa palabra e incorporase na mesma toda unha carga de beleza engadida.

Quen son as estrelas novas que petan no faiado e despois afóganse no río? A verdade, penso que son unhas metáforas sorprendentes e que cadaquén pode entendelas de maneira moi distinta, mais nós propoñemos que as estrelas novas sexan as outras mozas que podían chegar a ser amadas polo poeta, por iso, primeiro foron petar ao faiado para dar sinais de que poderían formar parella co autor, mais tendo xa noivado este, elas foron apagar a súa beleza ao río, que é o mesmo que saír da vida do novo namorado por elexir o rapaz outra estrela.

(Continuará)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES