Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non afogamos

lunes, 15 de febrero de 2021
Non afogamos Mañá é martes de entroido. Aínda que falar de entroido este ano é un dicir. Ou non. Porque levar levamos case un ano a careta sobre nós. Moitos chámanlle mascariña. Eu, carantoña. É igual; entre a carauta e a situación que vivimos é todo unha entroidada.

Como entroidada empezan a ser os seguimentos que se lle realizan ós desbordamentos dos ríos da nosa provincia. Entre móbiles, cámaras televisivas e redes sociais o máis pequeno regato convértese nun Amazonas e o Miño é todo un océano. A ver, si, é certo que a semana pasada deixou ós ríos con auga de máis, pero non tanta como para botar as mans á cabeza.

No caso que mellor coñezo, como é o río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas, por un lado case me alegro dos seus "pequenos" desbordamentos porque a causa deles é unha forma máis de saír nos medios, de darse a coñecer; pero polo outro son cheas máis ou menos normaliñas, ou sexa, anuais. Porque todos os anos o río Arnoia, nese lugar, tense que desbordar á forza e por pouco que chova. Hai que ter en conta que, xusto onde entra na vila de Baños de Molgas, fórmase un pequeno embude ou unha gran presa que non consegue tragar as augas de tres ríos e centos de regatos. Hai que lembrar que en menos dun quilómetro xúntanse tres ríos (o Sor ou de Maceda, o de Tioira e o propio Arnoia), que non é moco de pavo.

Cando eses tres grandes caudais chegan á vila, a Venecia ourensá empeza a formarse polos parques Ansuíña e As Mestras, pola Pitediña e tamén polas leiras dos Campos e das Lamas, alcanzando incluso ás Lagoas e ós Poulos. Vendo todo isto anegado calquera que non coñeza pensará axiña que imos afogar. E máis cando, agora, cortan camiños e pistas e estradas polo que poida pasar. Lembro de rapaz que algunhas cheas eran de moita maior envergadura que a da semana pasada e, non obstante, o Limia viña (e ía) coa súa besta cruzando a Venecia ourensá desde a Caseta do Segundo, alá Detrás das Poulas, no monte Medo. Lembro cheas de cubrir por completo os vestiarios da piscina e o bar do parque Ansuíña. E no 1963 ou 1964, unha na que só quedaban tres chanzos da ponte nova para que a auga pasase por enriba dela. Esa si foi unha chea! E non afogamos, nin tan sequera penso que saímos nos medios.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES