Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nais solteiras

martes, 03 de junio de 2008
Era un drama na Galicia anterior ós anos setenta ser nai solteira. A nai resultaba cuberta de oprobio de por vida, e o fillo –peor aínda se era filla- medraba cun estigma que non chegaría toda unha vida para esquecelo.

Os fillos de solteira non podían estudiar para cregos, unha das saídas máis prestixiosas para calquera fillo de familia con escasos posibles. E chegábase á aberración de poñer por pai ó avó materno co que unha situación presuntamente anómala evolucionaba hacia o absurdo.

Pasaron corenta anos e parecen catrocentos. Na actualidade, o vinteseis por cento dos nenos e nenas que nacen en Galicia son fillos de nais que non teñen vínculo co pai; legalmente, están solteiras. E non pasa nada. A situación resulta o máis natural do mundo. E o tema vai in crescendo xa que a porcentaxe hai doce anos era de arredor do dez por cento, e do vintecatro en 2005.

Non quere dicir esto que as nais solteiras da actualidade se atopen na situación de desamparo que caracterizaba ás doutrora, moitas veces denostadas pola propia familia que sentía a afrenta con vergoña colectiva.

Hoxe a situación é froito da independencia feminina, de rexeitar vínculos, de elixir unha determinada situación, de afrontar en solitario unha tarefa difícil pero fermosa e con futuro. É síntoma de independencia feminina, de que a muller conseguiu un lugar na sociedade, ten un posto de traballo e unha vida propia que goberna ó seu xeito.

Aínda que coidamos que un pequeno galego precisa dun pai e duna nai para medrar axeitadamente, sen importar o vinculo que os una, parécenos boa noticia esa de que a cuarta parte dos novos compatriotas que nacen son fillos dunha nai sen ataduras legais.

Seguro que andando o tempo eso ten amaño legal, sen ter que recurrir ós tremendos amaños legais de antano, que quedaron plasmados para sempre nos libros de rexistro para baldón dunha sociedade pechada e cruel que admitía todo menos a liberdade sexual da muller.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES