Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel zoqueiro (1)

martes, 16 de febrero de 2021
Aquel zoqueiro (1)
Un de tantos, de tantos que había, ¡máis que bidueiros!

Para comeza-lo tema:

Estas que aquí vos mostro son as últimas zocas que fixo este servidor, ¡un zoqueiro malogrado, que parou de facelas, e de vendelas nas feiras, precisamente cando xa tiña ben apreso o oficio! Estreeinas en vésperas de incorporarme ao Batallón do Ministerio do Ejército, ¡aquela presa por irme para Madrid, con só 18 anos, sedento de estudar, algo, calquera cousa que me librase do nobre oficio de Zoqueiro! Desde aquela andaron na miña maleta, a onde queira que me levase o Destino; así que estiveron, sucesivamente, en Madrid, en Sidi Ifni, no Aaiún, en Xixón, na Coruña, e por último, de presente, na miña finca "As Andoriñas", neste altar dos vellos, na propia cheminea. Cando me incineren, ¡por favor, as zocas, non!, que volas quero deixar en herdanza, ¡xa que outro tesouro, fóra dos meus libriños, non teño!

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

AQUEL ZOQUEIRO
Etopea.
Contos e vivencias,
socioloxía da montaña luguesa
a mediados do XX.
-.-

Patrimonio cultural

Se lles preguntásemos aos nosos devanceiros que cousa é iso do "Patrimonio" seguro que non necesitaban acudir a ningún dicionario, pois a súa resposta ía ser, máis ou menos: -Meu fillo/miña filla, patrimonio é todo aquilo que fuches recibindo desde o berce; ¡melloralo, ou deterioralo, depende de ti mesmo! -¿Recibindo, de quen; de meus pais? -Dos teus, si, pero tamén de tódolos pais deste mundo, ¡de todos, xa que todos, quen máis quen menos, estamos aportando algo á xeración seguinte, unhas veces en positivo e outras en negativo! Cultura patrimonial é, xa que agora estudades matemáticas, unha suma alxébrica de vivencias globais e globalizantes, transmisibles de seu por simple relación social.

Acolléndome a estas reflexións preséntovos este libriño, "Aquel Zoqueiro...", que non é outra cousa, como ben dixo Luhan, que un simple espello retrovisor que nos permite ollar a fuxida do Pretérito, neste caso concreto o das nosas bisbarras, con velocidade progresiva segundo pasan os tempos.

Como se trata dunhas vivencias, máis ben persoais e locais, non vos podo evitar o seu / o meu subxectivismo; daquela, se son aburridas, aguantádevos, pois, sen ocio, non hai negocio, non hai reflexión!

Nisto das "transmisións" permitídeme a xactancia de considerarme un transmisor relativamente válido porque se dá en min a circunstancia de que os meus estudios, ao ser tardíos, permitíronme unha saturación do rural, da que non gozaron/ ou non padeceron, segundo se mire, aqueles conterráneos, aqueles contemporáneos, absorbidos, zugados pola urbe, precisamente na idade formativa, co cal, entre o que renegaron do seu horto de procedencia e mailo que presumiron de zapatos, nada ou pouco escribiron daquel pasado, ¡simplemente porque aínda lles cheiraba o esterco!

Con estas advertencias, ¡feitas e sufridas!, pasemos á letra moderna, á de imprenta, ¡para que vos resulte, polo menos, lexible, intelixible!
-.-

Aquel zoqueiro, aquel señor que vou coller de protagonista, ou máis exactamente, aquel Zoqueiro, con Maiúsculas, era/é, que se cadra tamén as leva no Ceo, -¡se lle deixan, seguro que si!-, un tío, un tío con toda a barba, que só se afeitaba unha vez á semana, Aquel zoqueiro (1)concretamente nos domingos, para ir á Misa. ¡Por algo sabía latín!

Sen aqueles zoqueiros non existiría a Galicia actual pois as razas que por aquí asomaron, e aquí agromaron, tiveron familia, maiormente as sureñas, soportando e sobrevivindo á nosa humidade, por ende ás catarreiras, grazas á quentura, ao illamento, daquelas zoquiñas, inventadas no mesmo día do descubrimento dos metais cortantes. Debémoslle moito ao carballo, e outro tanto, ou máis, ao castiro, que ninguén o dubida, pero do humilde bidueiro, que o tivemos nos pés desde tempo inmemorial, ¿quen se lembra, quen lle rende culto? ¡Pois iso!

Ademais de "tío", o señor Xosé de Caraño, da casa de "Piepito", por este nome coñecida en toda a bisbarra, era meu tío, tío segundo, porque casara cunha tía de miña nai, unha muller dunha guapura e dunha bondade excepcionais, dos Vilabella de Pousadela, que o escribían con "b" en razón a proceder dun antepasado catalán, tarraconense para ser máis exactos. Unha santa irrepetible, e mais confesábase, que a teño visto facelo, pero nunca entendín o por que, nin de que, salvo que confesase as picardías do seu home, de tantas que aprendera zoqueando de casa en casa.

Miúdo pero forzudo, daba gloria verlle achanta-lo seu machado nun cepo dos da palleira, ¡coa forza que lle sobraba!, cada vez que cuarteaba un toro para obte-la materia prima de catro zocas, que as outras saíanlle do seguinte. ¡Total, catro pares, sendo das de diario; ao día, por curtos que fosen..., os días, que non os toros!

Outra das súas características, do seu aditamento, era aquel pucho de lá calcetada, fose inverno ou verán. Colorado, tinguido con caparrosa, e non sei con que máis, que llos facía a súa dona, María. Pero isto é o de menos pois, para min, meu tío, o "Piepito" de Caraño, pasou á historia, á miña, por obra e graza dos seus relatos: Coñecíaos todos, todos os da rodeada; dos últimos cen anos, ou aínda máis! E logo que os refería sen darse importancia; ¡ningunha! Tan só lle competía meu padriño, ¡meu avó, o de Bergland!, aquel Gómez Carballedo, descendente, tamén, da xente de Caraño, concretamente duns fidalgos da Casa da Olga, os Gómez de Neira, gromos dun suevo, -presumían eles-, ¡do conde Goma, nada menos! A diferenza estaba en que meu avó era máis historiador que contista, máis filósofo que charlatán. Un auténtico druída: ¡menciñeiro da xente e albeite dos animais, a partes iguais! E logo que non se enfadaba, nunca, nin por nada, mentres que aquel zoqueiro...; ¡aquel, de cando en vez, se o irritaban, botaba lume polos ollos! En definitiva, eran tan distintos que ata se levaban ben.

Agora que coñecedes o seu retrato, catro trazos, catro pinceladas, as fundamentais daquel zoqueiro das zocas a domicilio, pasarei decote aos seus relatos, pois eu, agora de vello, estou aflorando a memoria retrospectiva, a inicial, a infantil, e deume por evocar aquelas lembranzas, que de paso igual vos serven, agora, no XXI, para albiscar un pouco como foi aquela ¡ditosa! posguerra, particularmente no medio rural...; ¡que nunca do inferno saia quen dela tivo a culpa! Tamén é certo que a censura, con todo ser estrema, nunca puido co lume, nin co lume nin co fume das lareiras, e cabe delas, cabe das lareiras, cabía de todo; ¡de todo, con excepción da fartura!

Démoslle o encargo, o aviso, na feira de Mosteiro, que se achegaba o inverno, e naquelas circunstancias, despois do caldo, as zocas! Meu pai sabía facelas, que foi quen me perfeccionou neste oficio, tempo adiante, pero aquel ano contratárano para poñer escola aos nenos de Pousadela e de Trasín, e para aló se iría un día daqueles. Neste dilema, entre facer zocas, por máis que as lograba á perfección, algo máis lento có Piepito pero máis curiosas, auténticos zapatos, ou aquel apostolado de darlles escola aos rapaces, nunca o dubidou.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES