Son o Peter Pan da contorna. Son o rapaz que non quere crecer. E sigo na Aira de Arriba de Baños de Molgas xogando ó marro por entre os canastros e palleiros de palla e herba. Son o Peter Pan dos sentimentos; téñoos pequenos pero moi fortes. Quero voar lanzándome desde o alto da Chaira para planar por entre as Pitediñas e as Pedradarcas, por entre os Currás e Sudalomba. Son o Peter Pan que se lanza desde o campanario da

igrexa de Baños de Molgas e percorre todas as rúas buscando aqueles caldeiros cheos de auga da burga e aqueles nenos que xogan ás chelas por entre as palleiras do barrio da Igrexa. Son o Peter Pan que non quero crecer.
E sigo sendo neno acochado entre aquelas sabas de flanela e coa humidade pesando sobre un coiro de pita que mete medo. Son o Peter Pan das noites en branco porque ata o sono tampouco quere crecer. Son o neno que quero ser sempre Peter Pan. Non quero crecer para non ver o que hai que ver. Quero quedar aloumiñando unha fría almofada coa miña cabeza. Quero baixar á corte das vacas e borboriñarlle ó oído que son o neno que irá con elas para o monte e aínda que despois haxa que cargar no esterco.
Son o Peter Pan que quero voar, que non quero crecer. Non hai coma o sabor da nostalxia e o cheiro da infancia. Non hai coma o bulebule das airas e aquelas noites nas que os morcegos sobrevoaban sobre as nosas risas e, tamén, sobre os nosos medos. Pero aínda con medo... quero seguir sendo Peter Pan. Sempre serei Peter Pan.