Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Botellón sí, e na Praza Maior!

domingo, 01 de junio de 2008

Anda preocupado o noso alcalde polo macrobotellón salvaxe.

E moitos estamos preocupados con el, pero iso non afecta á nosa dixestión. Sempre poderemos botar a culpa ós mestres, que contemplan atónitos a contestación furibunda desde certos sectores que reclaman para os pais a exclusiva de educar. Ah! Pois daquela ide empezando. E mentres, as nais e os pais botamos a culpa á sociedade, que ten o lombo amplo e terma de todo.

O noso alcalde bota as mans á cabeza. Non lle falta razón. Levamos moito tempo mirando para outro lado mentres o fenómeno se masificaba, mentres a idade de consumo compulsivo de alcohol baixaba ata límites de xulgado de garda. Que non está en garda: ninguén entende que haxa nenos e nenas de 14 anos bebendo ás catro da mañá na rúa.

Nunha democracia de banda ancha como a nosa, onde case todo está permitido, hai tempo que esquecemos o verbo prohibir: un verbo fácil, regular, da 3ª conxugación. Pero os políticos, os pais, a sociedade non queren aprender a conxugalo en tempo presente.

E iso que os educadores e pedagogos máis lúcidos, conservadores e progresistas, veñen avisando desde hai tempo que os grandes problemas da aducación do futuro son o sentido da autoridade e a disciplina. Case todo está permitido na nosa democracia para ricos, pero hai unha liña que delimita os dereitos cívicos. Máis aló está o fascismo, o matonismo e a barbarie. E convén que vaiamos poñéndonos de acordo en actuar contra os que destrúen a convivencia, mexan nas regras da polis e destrúen os valores democráticos. A nosa democracia, infinitamente tolerante, como ten que ser, debe ter unha musculatura forte e ser implacable contra esa minoría que atenta cada fin de semana contra os dereitos de todos.

Cando ocorren cousas como a noite de viño, rosas e cristais rotos do 6 de outubro queda por preguntarse onde estaban os pais deses adolescentes bébedos cambaleándose polas rúas ou cun coma etílico na UCI do Xeral. Onde estaban os xuíces. E os educadores. E a policía. E onde carallo estaba eu que participo en varias categorías anteriores.

Algo vai moi mal cando non se respectan os límites do ruído permitido. Cando todo o centro da cidade era un inmenso tenderete falsificado e ilegal. Cando bebés e nenos (os feirantes tamén teñen fillos!) pasan longas horas do día e da noite tirados e semiabandonados no chan. Cando os establecementos venden impunemente, ilegalmente alcohol a menores. Cando se poden rebentar centos de botellas nunha cidade convertida en territorio comanche que dá medo.

Se non podemos prohibir o botellón como fenómeno social, si debemos expulsalo dos lugares emblemáticos da cidade. Porque ata resulta blasfemo converter o adarve da muralla, Patrimonio da Humanidade, nunha inmensa barra de bar. Ou contemplar a gran avenida de Ramón Ferreiro alfombrada de merda. Ou os recunchos do Lugo intramuros convertidos en mexadeiros fedorentos. Ou esa xoia ecolóxica da Carballeira de Fingoi destrozada e pisoteada cada inicio da primavera por manadas de ‘ungulados’. Ou o Parque de Rosalía: un ‘poema’ etílico despoboado de versos.

A proposta é inevitable: botellón sí, e na Praza Maior! Ata o sarcasmo atopa bos motivos: un lugar céntrico ata onde os pais despistados poden achegarse con comodidade a contemplar as súas criaturas cos fígados enchoupados en alcohol. Un bo escaparate para a nosa vergonza: prohibido limpar a Praza ata o luns. Un lugar máis doado de limpar que a Carballeira, o Parque ou a Muralla. Con sete coches de policía teriamos controlada a desfeita. E ademais os nosos pobriños, con infinitos dereitos adolescentes e cativos deberes cidadáns terían soportais para non mollarse. En fin…
Todo, todo, todo, menos seguir asubiando cara á Mosqueira como se en Lugo non pasara nada. Porque están a pasar cousas.

E a hipoteca do futuro da nosa mocidade non imos ser capaces de pagala nunha Galicia que cada fin de semana vai de botellón, que acaba convertendo en botellón cada festa. Para preocupación do señor alcalde. Para vergonza de todos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES