Ninguén pon en dúbida que somos consecuencia do noso pasado e xa que logo a historia ten moito que ver co sucedido arestora. Para algúns é unha perda de tempo mirar polo retrovisor sen importarlles o camiño percorrido nin quen ven aproximándose por detrás. "O pasado xa é historia" din os que non lles interesa repasar a historia.
Pasamos dunha ditadura a unha democracia e iso ten o seu proceso, un procedemento no que tivo moito que ver a "sacrosanta" Transición, e cualifícoa así porque parece feita por santos impolutos que imbuídos desa santidade deciden todos xuntos facer borrón e conta nova cun efecto de punto e final unha vez morto o ditador, quen deixa atado e ben atado ao seu sucesor: o rei. No seu acto de toma de posesión "xura fidelidade aos principios do Movemento Nacional" o mesmo que fai agora un ministro ou presidente cando accede ao seu cargo e xura ou promete "fidelidade ao rei". Entón apliquemos a sinxela fórmula que nos ensinaron en filosofía no bacharelato: "se un rei xura fidelidade aos principios do Movemento Nacional e un ministro xura o promete fidelidade ao rei, entón o razoamento conclúe que o ministro está xurando ou prometendo fidelidade ao compromiso do rei". E nesas estamos.

Un pode entender que no esmorecer dos '70 non se podía facer outra cousa, pero pasado un tempo, máis de 40 anos si. Poderíase por exemplo non aplicar a amnistía a torturadores e asasinos que aínda andaban soltos polo chan patrio sen ser xulgados: o exemplo máis significativo foi o do policía chamado Billy "El Niño", torturador con saña que paseaba por Madrid fachendoso coas súas medallas, a última do 1982 outorgada en democracia como premio aos seus servizos prestados. Un insulto á decencia democrática e aos torturados. Tampouco permitiuse que fosen a xuízo persoeiros implicados en crimes de lesa humanidade, recoñecidos fascistas, consentindo incluso que seguiran formando parte de cargos dentro da Administración do Estado.
E volvendo ao retrovisor estamos observando arestora como se aproximan a bastante velocidade herdeiros ideolóxicos do antigo réxime dispostos a adiantarnos pola dereita co gallo de reverdecer vellos loureiros participando no xogo democrático sen crer na democracia. Vemos como hai quen proclama a necesidade de fusilar á metade dos españois sen que nada pase. Por iso é necesario mirar polo retrovisor para saber por onde pasamos e non repetir os erros cara ao camiño que hai por diante da alongada sombra da Transición.