Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: Disimular as paixóns / Ollos negros

jueves, 11 de febrero de 2021
Vendo o partido Huesca-Real Madrid (1-2), os comentaristas chegaron por veces a poñerme moi nervioso. Durante todo o encontro non sei cantas veces soltaron aquilo de que o Real Madrid tan só tiña dispoñibles 17 xogadores para conformar o equipo. Pero, almas cándidas, se tan só a media do Real Madrid vale por dous Huescas! Os comentaristas, e non só estes, sempre comentan os partidos baixo o prisma, baixo a perspectiva dos dous grandes de España: Madrid e Barcelona. Se David Ferreiro, por exemplo, dá un pase de corenta metros, a culpa foi dos xogadores do Madrid ou do Barcelona por non "achuchar" nel e deixarlle dar ese pase. Mentres que se o pase dos corenta metros o realiza Kroos ou De Jong, pois claro, de auténticos cracks. Sempre se comentaron e se radiaron así as xogadas. Sempre. Se a un xogador deses dous grandes lle paran un penalti foi porque o tirou mal, que non foi por acerto do porteiro. E ó revés, se quen para o penalti é Courtois ou Ter Stegen, pois iso, os mellores do mundo. Os comentaristas nunca tiveron un xesto agradable cara ós equipos pequenos.
Agora, un deles, Álvaro Benito, en relación a unha confrontación que mantén con Piqué, declara que non ten ningunha camiseta posta á hora de comentar certos partidos. Eu creo que si a ten, porque se lle nota bastante. Non tanto como a Jorge Valdano, pero si se aprecia de que pé coxea. É certo que cada un temos as nosas paixóns, pero en certos momentos hai que saber disimulalas, e non ir sempre en contra do pequeno, que bastante ten con ser modesto.

Ollos negros

A película italiana "Ollos negros" é unha obra mestra dirixida polo moscovita Nikita Mikhalkov. Pero ollos negros tamén son os dunha vaca leiteira e os da muller do ferreiro. Ollos negros son traidores, dicía a canción. Ollos negros ata poden ser os azuis e os verdes cando é de noite. Os marróns, cando asoma o luscofusco. Os ollos negros miran igual que os de calquera outra cor. Tamén se pechan e non podemos saber de que cor son. Hai xente que cos ollos negros e abertos soña de igual maneira. Hai xente que cos ollos negros e pechados dorme ou fai que dorme.
Os meus ollos negros miran para un listado de cancións, atopa a que lle gusta e búscaa no Youtube para escoitala. Agora mesmo non sei de que cor son os meus ollos. Creo que negros. Ó mellor son marróns. Verdes e azuis non porque iso destaca moito e na miña cara tan só sobresae o puto acne que me atacou na xuventude. Ollos negros son os daquela muller que me mira ou que penso eu que me mira. Ó mellor está mirando moito máis alá de min. Ó mellor deixa a ollada perdida e penso eu que me mira. O quero eu que me mire. Os desexos ás veces tamén son traidores, coma os ollos negros.
En "Ollos negros", o arquitecto e inmenso Marcello Mastroianni cóntalle a un ruso a historia de amor que mantivo cunha compatriota súa, a gran Yelena Safonova. Aquí, neste pingas tan só se contan chafalladas relacionadas cos ollos negros, porque ó ver o título da película, deume por aí. A outros dáselle por quedar quietos, e tampouco pasa nada. Acabo de verme no espello: teño os ollos negros.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania