Frenético
No día de san Brais estou frenético. Frenético por alcanzar o universo, por alcanzar o imposible. Pero, hai algo imposible para min?, para este heroe dos tempos nos que a pandemia nos ten cun nó na gorxa? Para un servidor nada é imposible. Nin tan sequera o que non existe. Se algo non existe xa o inventarei. Estou coa ansia rabuñando na alma

para alcanzar o punto neurálxico do meu soño. Ante isto, vivo frenético. Intento calmarme coa música de Ennio Morricone, pero axiña imaxino un Far West frenético, a base de pelexas e tiros e desbandadas e indios e vaqueiros. Estou frenético con ganas de leas, de marañas. Porque estou canso de ser o manso deste planeta. Non queda outra que viaxar ó espazo sideral para combater o que non se ve.
E chouto con frenesí de planeta en planeta, de cometa en cometa e de estrela en estrela. E alá, no planeta que queda no quinto inferno, ou mellor dito aínda, onde o aire dá a volta vexo nun dos seus mares a Perla Negra navegando por entre as nubes da liberdade. Póñome aínda máis frenético. Achégome rapidamente, como pirata deste mundo descoñecido, no que quero abranguer, cinguir todos eses tesouros desa carabela, que son moitos. A Perla Negra cabecea sobre esas ondas dese mar dese e, ó contemplala, souben ó momento que aí estaba o meu destino, a miña fortuna, o meu control. Pouco a pouco calmei e o meu frenesí acougou sobre a almofada do meu soño. Agora póñome frenético por esta calma que me mata. Quero guerra!
Morrín miles de veces
Si, aínda que pareza mentira, morrín miles de veces. Morrín cando estaba vivo e aquí estou. Morrín cando me negaron tres veces e, sen ser San Pedro, aquí sigo. Tamén morrín cando os versos me saían sen rima e cando os regos me saíron tortos. Morrín cando crucei o deserto cunha canoa ó lombo e cando afoguei no mar porque non sabía

nadar. Morrín miles de veces pola contaminación das mimosas que me atopaba nos carreiros. Tanto cheiro amarelo marea ó máis recio. Cheguei a morrer soñando esperto e a resucitar voando cara ó ceo. Morrín cando me enfrontei ós extraterrestres que aterrarán nas Mestras e deume a vida o meu amigo alieníxena que pousara a súa nave case á beira, na Pitediña.
Morrín pola incomprensión de quen non me entende e pola indiferenza dalgúns dos que me arrodean. Pero como heroe que son, non hai quen me mate definitivamente. Sigo loitando contra o tempo e deixándome morrer cando proceda. Morrín xa tantas veces que ata chego a pensar que é bonito. Que é bonito morrer en silencio. Morrín en silencio o día que non había ruído. Morrín diante dun espello no que non me vía. Claro que agora penso que se debía ó bafo que o cubría. Morrín cruzando o túnel da ignorancia. Morrín ante un bomba nuclear e contemplando a miseria das vítimas. Morrín de amor e desconsolo. Morrín de xenreira e polas bravas. Morrín miles de veces porque miles de veces me mataron. Non obstante, sempre souben resucitar de entre os mortos e aquí sigo e seguirei dando guerra e ganando batallas. As miñas batallas.