Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Como te ris miña amiga do fume do meu charuto' (3)

viernes, 19 de febrero de 2021
A Poesía en galego de Francisco de Fientosa

IV
¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto,
escadeira para rubir
á catedral do teu corpo,
incienso azul nas oxivas
das túas cellas, raioliña
a arrandearse nas naos
dos brazos, ao amor abertos!

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto!
Cicais lembras o ronsel
das miñas carexas núas,
ou a xoia das túas trenzas
saíndo, cobras vizosas,
á túa fronte pra tornar
á raxeira dos teus ollos
ou do carreiro sin volta
que me ouzaba ate teus bicos.

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto,
foguete que anuncia o
romaxe do noso amor,
e cose túa alma de liño
co meu esprito de lá,
e che estoupa nas orellas
-cónchegas de boa fiada-!

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto!
Cala xa, cousa pequena,
que a fervenza da túa risa
apaga o lume que hai nil,
i é voo das túas mans fuxindo
ás espiraes cheirosas
esperta o niño que deita
o arbre do meu corazón.

Ti ris, porque descoñeces
que o fumar é cousa anxélica
que xungue os homes ó doce
e máis ó ácido, guindando
unha escada de Jacob
por onde fuxe o spleén
e se acada o ben infindo.

Amiga, léixame eiquí
-sin edade e máis sin sono-
coa miña pomba na man
rubir polo seu vieiro
ao chouso do paradiso.
Ti e máis eu somos agora
Adan e Eva i a serpe
do fume vennos tentar,
cinguíndonos de noivado.

Amiga, léixate agora
engaiolar pola serpe
que ceiban ao ar meus beizos
de prestidixitador.
Eu catarei a mazá
co verme da túa lingoa
e prenderei entre as canas
noviñas das túas apertas.
Pero ila, fío de Ariadna,
ouzarame a silva virxe,
perena, despeiteada,
dos teus cabelos en soma.

Sentado nista cadeira
preto de ti e do serán,
son o gran botafumeiro
que afuma a túa imaxe;
papoulas dos meus pulmóns
van enchendo a túa capela.

Agora, xa non te ris
do fume do meu charuto.

SEGUNDA PARTE

PRIMEIRA ESTROFA

Nesta estrofa, o poeta, a modo de diálogo, fala coa protagonista e dille que se ri mentres fuma o charuto é porque descoñece as bondades deste acto, que é cousa anxélica, porque xongue dous sabores, o doce e o ácido, e o fume guinda unha escada de Xacobe (Xénese 28, 11-19), que é mencionada na Biblia e pola que os anxos ascendían ao ceo e descendían á terra. Esta escada aparecéuselle ao patriarca Israel nun soño despois de enfrontarse co seu irmán Esaú. Por esa escada foxe o "spleén" (o bazo) que representa o estado de melancolía sen causa definida ou angustia vital dunha persoa. Foi popularizado polo poeta Baudelaire (12) (1821-1867) pero xa fora utilizado antes na literatura do Romanticismo. Por outra banda, sempre houbo una conexión entre o spleén (o bazo) e a melancolía, o que nos vén da menciña grega e do concepto de humores de Hipócrates: sangue, flegma e bile amarela e negra.
Despois de fuxir o spleén, esa escada fai que se acade o ben infindo.

SEGUNDA ESTROFA
Agora, o poeta, pídelle á rapaza que o deixe alí, "Amiga, léixame eiquí", que, como logo veremos, está sentado nunha cadeira, absorto na súa fumeta "-sin edade e mais sin sono-", é dicir, nese estado cataléptico que suspende as sensacións e inmobiliza o corpo, co seu charuto nas mans, representado por unha pomba e con ese fume subindo polo sendeiro que describe ata o paraíso esa pomba do fume nunha metáfora que ten que ver coa cor e o voo do fume e da pomba.
O poeta e a rapaza son agora Adan e Eva, e o fume é a serpe que os tentou, facendo que entre eles haxa unha relación amorosa, de noivos.

TERCEIRA ESTROFA
Esta, empeza case como a anterior, que era referida ao poeta, e esta está referida á súa amiga
"Amiga, léixate agora
engaiolar pola serpe
que ceiban ao ar meus beixos
de prestidixitador".

Pedíndolle que se deixe enfeitizar polo fume que botan os seus labios e faille unha proposición amorosa mediante unha correspondencia relixiosa, como obxecto de desexo, que é a mazá á que lle saca unha metáfora preciosa e sensual ao mesmo tempo:

"Eu catarei a mazá
como verme da túa lingoa".

Mais, non soamente con bicos quere engaiolar á rapaza, senón tamén con apertas, noutra metáfora que relaciona as apertas coas canas das árbores

"e prenderei entre as canas
noviñas das túas apertas".

Se antes relacionaba co Xénese esa procura do amor, agora vai facelo coa mitoloxía grega, comparándoa co fío de Ariadna (13), cando esta, namorada de Teseo, deulle un nobelo para que se guiase para saír do labirinto de Creta, coa diferenza de que a amiga do poema fará que o guíe
"...a silva virxe
perena, despeiteada,
dos teus cabelos en soma"

O que quere dicir que a súa cabeza é unha selva virxe, despeiteada, enredante (perena) e por ela, guiarao á silva "dos teus cabelos en soma", en referencia ás ondulacións do cabelo da amada.

TERCEIRA PARTE
Na última estrofa, o poeta, fai o que nunha novela debería aparecer nos primeiros capítulos, como son o espazo, o tempo e o lugar. Francisco de Fientosa, procura todo isto ao final do poema, nel, sitúanos aos protagonistas nun espazo que abrangue o que sería unha habitación dunha casa calquera, posiblemente o comedor, nun lugar determinado pola cadeira na que senta o protagonista fumando un puro, e a súa amada, se non está ao carón, atópase, como mínimo na mesma habitación. O tempo da acción, desta especie de conto, corresponde ao serán, cando fuma un charuto ao que compara cun botafumeiro -volvendo as reminiscencias da catedral da que xa falamos-, e afumando a súa amada, ofrecéndonos outra imaxe preciosa porque compara as bocaladas de fume coas papoulas dos seus pulmóns, que van afumando a súa amiga que está metaforizada nunha capela.

A composición remata nun tempo actual "agora", referido a que a súa amada ten xa o coñecemento necesario do que significa fumar o charuto, e por iso

"Agora, xa non te ris
do fume do meu charuto".

Contrapoñendo a risa que ten presenza en todo o poema coa ausencia da mesma, que tan só se acubilla nos dous derradeiros versos da composición.

NOTAS:
12. MARTÍNEZ CACHERO, J. Mª.- Diccionario de escritores célebres. Ed. Espasa Calpe. Bolsillo. Madrid 1995.Páx.76.
13. DICCIONARIO DE LA MITOLOGÍA MUNDIAL.- Edaf. Madrid. 1986. Páx. 56.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES