Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Como te ris miña amiga do fume do meu charuto' (2)

viernes, 12 de febrero de 2021
A poesía en galego de Francisco de Fientosa

IV
¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto,
escadeira para rubir
á catedral do teu corpo,
incienso azul nas oxivas
das túas cellas, raioliña
a arrandearse nas naos
dos brazos, ao amor abertos!

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto!
Cicais lembras o ronsel
das miñas carexas núas,
ou a xoia das túas trenzas
saíndo, cobras vizosas,
á túa fronte pra tornar
á raxeira dos teus ollos
ou do carreiro sin volta
que me ouzaba ate teus bicos.

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto,
foguete que anuncia o
romaxe do noso amor,
e cose túa alma de liño
co meu esprito de lá,
e che estoupa nas orellas
-cónchegas de boa fiada-!

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto!
Cala xa, cousa pequena,
que a fervenza da túa risa
apaga o lume que hai nil,
i é voo das túas mans fuxindo
ás espiraes cheirosas
esperta o niño que deita
o arbre do meu corazón.

Ti ris, porque descoñeces
que o fumar é cousa anxélica
que xungue os homes ó doce
e máis ó ácido, guindando
unha escada de Jacob
por onde fuxe o spleén
e se acada o ben infindo.

Amiga, léixame eiquí
-sin edade e máis sin sono-
coa miña pomba na man
rubir polo seu vieiro
ao chouso do paradiso.
Ti e máis eu somos agora
Adan e Eva i a serpe
do fume vennos tentar,
cinguíndonos de noivado.

Amiga, léixate agora
engaiolar pola serpe
que ceiban ao ar meus beizos
de prestidixitador.
Eu catarei a mazá
co verme da túa lingoa
e prenderei entre as canas
noviñas das túas apertas.
Pero ila, fío de Ariadna,
ouzarame a silva virxe,
perena, despeiteada,
dos teus cabelos en soma.

Sentado nista cadeira
preto de ti e do serán,
son o gran botafumeiro
que afuma a túa imaxe;
papoulas dos meus pulmóns
van enchendo a túa capela.

Agora, xa non te ris
do fume do meu charuto.


SEGUNDA ESTROFA
Principia con eses dous versos repetidos e referidos á risa do fume do charuto do autor en metáforas continuadas nas que o fume fai un ronsel de carexas ou de aloumiños, por parte do que está fumando, á rapaza que se ri, apaxando tamén "a xoia das túas trenzas", que son, "cobras vizosas”, apaxando a fronte, os ollos, ou o carreiro que o levaba ata os seus bicos.

Metáforas:
"Ronsel das miñas carexas núas" (Ronsel: fume)
"a xoia das túas trenzas" (Xoia: trenzas louras)
"cobras vizosas" (cobras: trenzas)
"a raxeira dos teus ollos" (raxeira: ollos acesos de paixón e de amor)
"...o carreiro sen volta/ que me ouzaba até os teus bicos" (fume + labios).

Nesta última, o carreiro está referido ao fume que o guía até os seus labios, mais aquí, atopámonos coa palabra "ouzaba", que non ten nada que ver con oir, senón co significado de guiar, alzarse o fume e chegar até os labios conformando unha sinécdoque na que o autor denomina un acto ou posibilidade, que é unha pequena parte do que poden facer os labios, que é o de "bicar", "dar bicos", polo todo, que son os labios.

TERCEIRA ESTROFA
Vólvese repetir esa especie de retrouso que se manifesta nun cadro en que o rapaz fuma un puro e unha rapaza rise, supoñendo o lector que ri do fume do charuto e que nesta estrofa anuncia unha romaxe, a romaxe do amor entre os dous, -tamén cheo de metáforas-, principiando polo fume do charuto que é un foguete que anuncia esa romaxe do amor.

O fume e o charuto son un foguete, que, a través de tres verbos:

1.- anuncia ............... o romaxe do noso amor.
2.- cose ...................... a túa alma de liño / o meu esprito de lá.
3.- estoupa .............. nas orellas

Onde as orellas son "cónchegas de boa fiada". Que beleza a desta metáfora! na que as orellas son conchas de boa fiada, unindo o mar ao mundo labrego.

Cónchegas (Mar)
de boa fiada (mundo labrego) (Referido as sinuosidades da concha e das orellas)

CUARTA ESTROFA
Comeza con esa iteración verbal xa tratada anteriormente e que nos segue mantendo nese acto social de fumar. O autor, manda calar á rapaza para que deixe de rir e posteriormente continúan unhas metáforas relativas a ese acto porque
"...a fervenza da túa risa
apaga o lume que hai nil":

é dicir, a risa é tratada coa imaxe dunha fervenza de auga, e como tal, apaga o lume do charuto, e , polo tanto, apaga tamén o lume do amor, e é tamén o voo das mans da rapaza fuxindo as espirais cheirosas do fume do charuto que

"esperta o niño que deita
o arbre do meu corazón",

o que vén ser mediante dous versos tan intensos en beleza, o que esperta o amor do fumador representado polo niño que habita no seu corazón, ramificado en árbore, vivificado polo sangue que del impulsa e expulsa a todo o seu ser e abrangue como tal árbore ata as zonas máis nimias do seu corpo.
A beleza deste poeta énchenos para sempre de beldade e fermosura. Que grande é este home!, fabricante de soños e de grandeza.

(Continuará.)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES