Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Como te ris miña amiga do fume do meu charuto' (1)

viernes, 05 de febrero de 2021
A poesía en galego de Francisco de Fientosa

IV
¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto,
escadeira para rubir
á catedral do teu corpo,
incienso azul nas oxivas
das túas cellas, raioliña
a arrandearse nas naos
dos brazos, ao amor abertos!

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto!
Cicais lembras o ronsel
das miñas carexas núas,
ou a xoia das túas trenzas
saíndo, cobras vizosas,
á túa fronte pra tornar
á raxeira dos teus ollos
ou do carreiro sin volta
que me ouzaba ate teus bicos.

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto,
foguete que anuncia o
romaxe do noso amor,
e cose túa alma de liño
co meu esprito de lá,
e che estoupa nas orellas
-cónchegas de boa fiada-!

¡Como te ris, miña amiga,
do fume do meu charuto!
Cala xa, cousa pequena,
que a fervenza da túa risa
apaga o lume que hai nil,
i é voo das túas mans fuxindo
ás espiraes cheirosas
esperta o niño que deita
o arbre do meu corazón.

Ti ris, porque descoñeces
que o fumar é cousa anxélica
que xungue os homes ó doce
e máis ó ácido, guindando
unha escada de Jacob
por onde fuxe o spleén
e se acada o ben infindo.

Amiga, léixame eiquí
-sin edade e máis sin sono-
coa miña pomba na man
rubir polo seu vieiro
ao chouso do paradiso.
Ti e máis eu somos agora
Adan e Eva i a serpe
do fume vennos tentar,
cinguíndonos de noivado.

Amiga, léixate agora
engaiolar pola serpe
que ceiban ao ar meus beizos
de prestidixitador.
Eu catarei a mazá
co verme da túa lingoa
e prenderei entre as canas
noviñas das túas apertas.
Pero ila, fío de Ariadna,
ouzarame a silva virxe,
perena, despeiteada,
dos teus cabelos en soma.

Sentado nista cadeira
preto de ti e do serán,
son o gran botafumeiro
que afuma a túa imaxe;
papoulas dos meus pulmóns
van enchendo a túa capela.

Agora, xa non te ris
do fume do meu charuto.

Estamos diante dun precioso poema, moi elaborado, ao que lle dedicou, pensamos, que moito tempo, polo tratamento do tema e por como vai engaiolando e xunguindo as ideas nunha especie de narración ou conto cheo de beleza, que merece, desde todos os puntos de vista, ser tratado e ser recoñecido pola crítica do mundo cultural galego. Estamos diante dun gran poeta, quizais dun xenio que nos deixa agochados estes marabillosos poemas en galego, e sen publicar, ata que Ricardo Polín os recolle no seu precioso libro 'Á primeira luzada'.

A composición está formada por nove estrofas octosilábicas. A versificación, polo demais, é libre, sen ningunha atadura en canto á rima:
Estrofas // Cantidade
De 2 versos ................. 1
De 6 versos ................. 1
De 7 versos ................. 1
De 8 versos ................. 2
De 9 versos ................. 2
De 10 versos ................ 1
De 12 versos ................ 1
------------------
TOTAL: 9 Estrofas.

ESTRUTURA

1ª Parte.

As catro primeiras estrofas teñen a particularidade de que comezan as catro por, "¡Como te ris, miña amiga/ do fume do meu charuto!", para logo irse desenvolvendo de acordo cunha serie de circunstancias e metáforas referidas na primeira estrofa a unha catedral, na segunda á faciana dunha muller, na terceira a unha festa e na cuarta, o autor, comina á amiga para que deixe xa de rir.

2ª Parte
As estrofas quinta, sexta e sétima, poderían formar outra unidade. Na quinta, o autor dinos que esa risa supón un descoñecemento. A sexta e a sétima principian case que igual:
6ª "Amiga, léixame eiquí"
7ª "Amiga, léixate agora"


3ª Parte
Finalmente, a oitava e a novena formarían outra unidade; a oitava referida á localización dos protagonistas e a novena supón un cambio de actitude da muller.

PRIMEIRA PARTE

PRIMEIRA ESTROFA

A primeira estrofa comeza cunha exclamación referida ao "como" da risa dunha muller que xorde cunha aposición explicativa, "miña amiga", e a risa, responde ao fume que solta un cigarro puro que aparece baixo a denominación de "charuto", sendo este a fonte que deita unha serie de metáforas propias, que se orixinan desde o intre en que o autor utiliza o vocábulo "escadeira", no que el mesmo representa unha metáfora para ir subindo polo corpo da rapaza metaforizada en catedral e en substantivos, que teñen que ver con ela -coa catedral-: "incienso, oxivas, naos".

"á catedral do teu corpo"
"incienso azul"
"nas oxivas das túas cellas"
"raioliña a arrandearse nas naos dos brazos"

Onde
Catedral= corpo
Incienso=azul (ollos)
Oxivas=cellas
Naos=brazos

(Continuará.)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES