Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Suso de Toro e Un señor elegante

lunes, 08 de febrero de 2021
Suso de Toro acostuma cambiar a maneira na que transitar o territorio literario en cada obra, de aí que sempre entremos nos seus libros como quen abre unha porta ao descoñecido. Na última entrega reconstrúe a biografía de persoas moi coñecidas entre nós e faino dialogando con elas; preguntándose pola certeza das súas descubertas, introducíndose no relato coma un máis dos personaxes reais que por el se moven, aplicando a súa experiencia persoal ao que outros lle contan...

Penetramos co autor na vida desa familia compostelá, os Baltar. Unha liñaxe de médicos na gran cidade sanitaria de Galicia: un pai e un fillo que foron directores do Hospital Real, que crearon sanatorios privados, co seu nome, nos que cunha das mans se atende a beneficencia e a disidencia; case unha aristocracia de mecenas que coidan o corpo pero tamén o pensamento.

Comezar asistindo a Murguía e Rosalía e continuar cos Castelao e os Dieste, curar ás agachadas as feridas e os enfermos inconfesables, apoiar a oposición da ditadura correndo os peores riscos e perdendo as oportunidades que lles terían correspondido, pero tamén sufrir as envexas dos mediocres dunha cidade de provincias, esas mesquindades dos que poñen a cambadela ou quedan agardando a que caia para poder aledarse.

Resulta atractivo este tipo de lectura, na que vas atopando referencias a persoas coñecidas ata o punto de fotografar o fragmento no que aparecen e pasarllo por washap, para que saiba que estás con ela nesa páxina. Case te atopas a ti mesma no relato ("nese momento, aí, estaba eu",pensas) de forma que se en lugar dun libro estiveramos ante un documental te verías entre o público nunha das panorámicas. Coñecemos a algúns dos que levan ese apelido, sabemos das casas que se citan, tiñamos noticia do valor da biblioteca que depositaron no Museo do Pobo Galego (e da que puidemos ver unha exposición de fondos arredor do humor co título Humoroteca: O humor gráfico na Biblioteca Baltar (1894-1986)) sabíamos da relación desta familia coa de Castelao (ata o punto de que a súa casa lles pertence na actualidade) e sabíamos dun Baltar exiliado en Arxentina movéndose no círculo daquela Galicia ilustrada e republicana que
existía máis alá do océano, un Baltar que seguimos a reivindicar máis alá das cuestións familiares.

Seguimos ao autor no percorrido pola familia, comezando polo vello Ángel e continuando cos dous fillos (porque as mulleres están no lugar de sombra), igual que el deixámonos sorprender polo irmán que queda no desterro interior, botamos a mirada a un e outro, a Antón e a Ramón, observamos os indescifrables (eses segredos que xa non podemos desenlear porque os seus donos marcharon co tempo) e quedamos botando de menos xente desa talla intelectual e ética, xente enraizada no país sen perder de vista o mundo e os seus avances, protectores de ideoloxía e cultura.

Un libro co bo facer de Suso de Toro, sempre disposto a transitar outros camiños, e coa elegancia da xente de ben.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES